DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista Carlos Rodríguez-Méndez imparte un taller nesta facultade

Un taller convida ao alumnado de Belas Artes a crear “desde a influencia do íntimo”

As obras resultantes do obradoiro darán lugar a unha exposición

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/11/2019

“O taller trata de internarse no feito de facer desde a influenza do íntimo”, salienta o artista Carlos Rodríguez-Méndez respecto do obradoiro de escultura que nestas semanas imparte na Facultade de Belas Artes. Baixo o título En los montes, monte soy, Rodríguez-Méndez imparte un obradoiro centrado, explica, “na linguaxe da escultura” e que ten como obxectivo que as e os 17 estudantes asistentes “cheguen a experimentar nalgún momento o estado de ser e estar en presenza”. Organizado polo Departamento de Escultura e coordinado pola profesora Marisa Fernández, este taller completarase así mesmo cunha exposición das obras xurdidas deste proceso de creación e reflexión.

“O propósito de construción dunha obra e ser espectador de si mesmo” é de feito o lema deste obradoiro de dez horas, impartido por un artista, licenciado en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid, que protagonizou nos últimos anos exposicións individuais no Instituto Cervantes e na Casa de Velázquez de Madrid ou no museo Marco de Vigo, así como en espazos expositivos de Brasil, Bolivia ou Bélxica. Cunha traxectoria artística definida por proxectos que analizan os principios materiais da propia escultura, as súas creacións formaron parte así mesmo de mostras colectivas en España, Estados Unidos, Noruega, Finlandia ou Chipre e estiveron presentes en feiras como Arco Madrid. Así mesmo, o artista foi tamén neste anos beneficiario das bolsas artísticas outorgadas pola Fundación Botín, a Comunidade de Madrid, a Xunta de Andalucía, a Casa Velázquez de Madrid e a Fundación Arte y Derecho, á vez que foi tamén beneficiario, en 2005, da bolsa para desenvolver unha residencia da Fundación Yaddo de Nova York.

Espectadores de si mesmos

Articulado en tres sesións, o obradoiro que se pechará na tarde do vindeiro mércores está vertebrado arredor da idea da “testemuña”, de promover unha observación “que nos converte en espectadores de nós mesmos”, sinala. Nese senso, Rodríguez-Méndez buscou que o alumnado desenvolvese obras e proxectos “desde o primeiro momento do taller”, ao que debían xa acudir cunha selección de obras ou textos para amosar e debater na aula.

Como complemento ao  taller, está prevista a organización, no salón de actos da facultade, dunha exposición que, baixo o título de En los montes, monte soy, tomado do libro de poemas Versos sencillos de José Martí, que reúna todas as obras realizadas polo alumnado no marco deste obradoiro.  Concretamente, o artista propuxo ás e aos participantes a realización de dúas obras de pequena escala, “que caiban na palma da súa man pechada”, e que estivesen influenciadas polo seu ámbito familiar.