DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inscrición aberta ata o vindeiro luns, o campionato disputarase o xoves 20

O tenis de mesa e un torneo de baloncesto 3x3 incorpóranse á oferta deportiva do campus

As dúas propostas son gratuítas para a comunidade universitaria

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 12/02/2020

A partires da vindeira semana, o tenis de mesa sumarase á oferta de actividades que a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsa no campus de Pontevedra, onde tamén se desenvolverá, o xoves 20, un torneo de baloncesto 3x3 para o que permanece aberta a inscrición ata o vindeiro luns. Enmarcadas no convenio asinado entre a Federación Galega de Tenis de Mesa e a Universidade de Vigo, o Pavillón Universitario acollerá nas tardes dos mércores, a partires da vindeira semana, unha serie de clases de tenis de mesa, abertas tanto a quen queira iniciarse como perfeccionar as súas habilidades neste deporte. 

“O obxectivo é promocionar unha nova actividade entre a comunidade universitaria”, salienta o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Gustavo Loureiro, dunha iniciativa que se desenvolverá ata o 31 de maio. Con catro prazas dispoñibles cada semana para as e os integrantes da comunidade universitaria, esta actividade levarase a cabo os mércores entre as 19.00 a as 21.00 horas no Pavillón Universitario e será preciso reservar praza na plataforma Campus Activo, un máximo de 24 horas antes do seu inicio.

Promocionando o baloncesto 3x3

O Pavillón Universitario acollerá tamén, o vindeiro xoves, un torneo de baloncesto 3x3 que, tras celebrarse o pasado mes de setembro no campus de Vigo, desenvolverase por primeira vez no pontevedrés. Inserido no convenio de colaboración asinado neste caso coa Federación Galega de Baloncesto, trátase dunha actividade coa que se busca difundir esta modalidade deportiva, na que equipos con tres xogadores na pista disputan un partido nunha única canastra. “A federación está intentando dar a coñecer esta actividade nas tres universidades, coa idea de que en 2021 haxa un campionato galego universitario de baloncesto 3x3”, apunta Loureiro dunha modalidade que xa está presente nos Campionatos de España Universitarios de deportes colectivos.

Ata o vindeiro luns 18 permanecerá aberta, en Campus Activo, a inscrición de equipos que deberán estar integrados por un máximo de catro xogadores e xogadoras, permitíndose que un ou unha das integrantes dos equipos, que poden ser masculinos, femininos ou mixtos, sexa unha persoa allea á comunidade universitaria.