DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 1500 técnicos de 34 disciplinas participaron no estudo da investigadora Teresa Rocha

Unha tese amosa o baixo coñecemento do movemento olímpico por parte dos adestradores portugueses

O 20% ven aceptable que un atleta se dope para acadar unha medalla 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/07/2020

Tomando como punto de partida o potencial do deporte como vehículo de transmisión de valores e do papel que os adestradores e adestradoras poden xogar neste eido, a investigadora Teresa Rocha, vicepresidenta da Confederación de Adestradores de Portugal, analizou na súa tese de doutoramento o grao de coñecemento e sensibilización destes profesionais respecto do que define, como o “máximo expoñente” do espírito deportivo, o olimpismo. A través dunha enquisa realizada a 1430 adestradores e adestradoras lusos de 34 disciplinas deportivas, Rocha puido constatar que estes amosaban ter “fracos coñecementos do movemento olímpico”, así como o pouco peso que o olimpismo tiña na súa formación como adestradores. Do mesmo xeito, á vez que sinalaban o xogo limpo, a solidariedade, o respecto e a amizade como “ideais olímpicos”, preto do 20% dos enquisados afirmaron aceptar que un atleta tome unha substancia dopante para gañar unha medalla olímpica.

Centrada en coñecer se os adestradores e adestradoras “están sensibilizados coa educación olímpica” e a transmisión destes valores aos atletas, a tese Ética e Perceção Olímpica nos Treinadores em Portugal foi dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, María José Martínez Patiño, e pola docente da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria Covadonga Mateos. Trátase, como explica a investigadora e membro da Academia Olímpica Portuguesa, da primeira tese que aborda o grao de coñecemento e transmisión dos valores olímpicos por parte dos adestradores e adestradoras portugueses. Pese a existir investigacións previas sobre a percepción destes valores, apunta, ningunha delas puxera o foco nestes profesionais, “elementos cruciais no desenvolvemento dos valores que poden manifestarse a través da práctica deportiva”. 

Solidariedade, respecto e amizade

O movemento olímpico, sinala Rocha, constitúe hoxe en día “un elemento central e estrutural da cultura deportiva”, que pon o foco en “valores como a amizade, a excelencia e o respecto, recollidos na Carta Olímpica”. A este respecto, as e os participantes no estudo sinalaron “solidariedade, respecto e amizade”, xunto co xogo limpo, como os valores que asociaban en maior medida co movemento olímpico. Mais, nalgúns casos, tamén afirmaron ver a idea do olimpismo como “unha utopía”, apunta Rocha, que incide tamén en como os enquisados e enquisadas manifestaron descoñecer “que existe un xuramento olímpico para adestradores”. Por outra banda, no referido ao xogo limpo, os resultados do estudo amosan que un 20% “aceptan que un atleta tome unha substancia dopante para gañar unha medalla olímpica”, á vez que sosteñen que, no caso de que o opoñente non respecte ese xogo limpo, “é normal retribuírlle coa mesma moeda”.

Entre os resultados do estudo sobresae tamén o feito de que os adestradores de equipos de formación, aqueles que traballan con nenos e nenas, foron os que presentaron “unha maior porcentaxe de non transmisión” deses valores olímpicos. Do mesmo xeito, en contra das hipóteses previas da investigadora, “no estudo obsérvase que os adestradores homes transmiten en maior medida esta serie de valores” aos e ás deportistas que as adestradoras. 

Escasa presencia na formación

Ademais de comprobar se os adestradores e adestradoras “están sensibilizados coa educación olímpica”, a tese de Teresa Rocha, integrante da comisión para a integridade no deporte do Comité Olímpico Portugués, buscaba coñecer “que valores orientan a carreira do adestrador”. A este respecto, as e os enquisados destacaron “amizade, dedicación, compromiso e lealdade” como os valores que deben posuír estes profesionais. No relativo á súa formación, a maioría apuntaron que, nos cursos de adestradores, “dáselle pouca importancia ao olimpismo”. De feito, a investigación constatou que se ben as asociacións de adestradores “consideran importante” a educación olímpica, non acontece o mesmo no caso das federacións deportivas, que, explica a investigadora, "non dan relevancia a temática olímpica nos cursos de adestradores”, considerando que a súa abordaxe dentro do módulo de ética deportiva destes cursos “é carga suficiente”.