DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Amine Asselman estudou a evolución e percepción actual do ‘zellige’ en España e Marrocos 

Unha tese analiza a influencia do azulexado andalusí na arte contemporánea

O artista e investigador desenvolveu un método creativo baseado nesta técnica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/06/2020

Convertido nun dos sinais de identidade de monumentos como a Alhambra de Granada ou os riads de Marrocos, o zellige, os mosaicos xeométricos de azulexo característicos da arquitectura andalusí seguen a ser, a día de hoxe, influencia e fonte de inspiración para artistas, arquitectos e deseñadores. A pegada que esta técnica deixou en artistas como Soledad Sevilla, Frank Stella ou Sean Scully e en arquitectos como Antoni Gaudí foi analizada por Asselman nunha tese que afonda nas orixes e evolución desta técnica, así como na súa influencia na arte e arquitectura contemporánea. Deste xeito, a investigación achega un novidoso enfoque á análise do zellige, que previamente só fora estudado, explica, “a nivel técnico e patrimonial”.

Dirixida polo profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana, a tese Zellige y creación contemporánea en Marruecos y España: El  Zellige (Alicatado) como soporte identitario en el arte y el diseño ten como obxectivo “demostrar a grande influencia dos mosaicos xeométricos propios do zellige nas obras de artistas, arquitectos e deseñadores internacionais”. Máis concretamente, a tese, desenvolvida no Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, pon o foco nos casos de España e Marrocos, onde “segue sendo un elemento identitario da cultura andalusí”. De orixe marroquí e nacido en Francia, Asselman completou a análise sobre a percepción actual do zellige co desenvolvemento dunha “linguaxe propia” baseada na xeometría destes mosaicos, que deu lugar a unha serie de obras que este artista multidisciplinar presentou en diferentes exposicións colectivas en España, Marrocos e Alemaña. 

Presente e pasado da técnica

O zellige é unha “complexa técnica artesanal” consistente en recortar pequenas pezas de terracota esmaltada en cores, chamadas teselas”, que se ensamblan para dar forma a mosaicos xeométricos, cuxa orixe “ten relación co azulexo mesopotámico, cos mosaicos romanos e coa xeometría da arte islámica”, explica Asselman. Esta técnica acadou “a súa auxe” en Al-Andalus, “onde o coñecemento matemático e arte xeométrica uníronse para dar luz a unha arte andalusí-magrebí atemporal e infinita”, engade. Asselman analizou a situación actual dunha técnica moi presente tanto no norte de Marrocos, onde segue formando “parte fundamental da arquitectura moderna e contemporánea” e onde se converteu nun “símbolo da identidade cultural marroquí”, como no sur de España, onde o seu uso é “case inexistente” na arquitectura contemporánea.

Tras a súa afondar nas súa orixes e evolución, o investigador abordou a “apropiación deste elemento nas creacións de artistas, arquitectos ou deseñadores" a través dunha compilación e análise de obras “inspiradas directamente” polo zellige. Esta técnica foi abordada, salienta, “desde unha dimensión decorativa nas pinturas orientalistas”, desde unha perspectiva matemática nas obras de M.C. Escher e Miguel Chevalier; desde a “dimensión técnica que atopamos nas obras de Gaudí” ou a desde a óptica pictórica de Frank Stella e Sean Scully. Do mesmo xeito, a tese analiza tamén en como a “dimensión simbólica” do zellige se ve reflectida nas obras de Lalla Essay e Faouzi Laatris, na visión política de Zoulikha Bouabdellah ou na “dimensión espiritual e inmaterial de Younes Rahmoun”. 

Esta análise da “visión actual do zellige” complétase cos testemuños que, nunha serie de entrevistas, achegaron a este estudo artistas, deseñadores, arquitectos, artesáns, historiadores e investigadores. A tese recolle nese senso as opinións do artista, profesor do Instituto Nacional de Belas Artes de Tetuán e ex-director do Centro de Arte Moderno de Tetuán, Bouadib Bouzaid; do tamén artista e profesor deste instituto Younes Rahmoun; do historiador Otman El Absi, do mestre artesán Hassan Gargallou; da profesora da Universidad de Granada Ana García López; do director do Museo Mohamed VI de Arte Moderna e Contemporánea de Rabat, Abdelaziz El Idrissi, e do deseñador Hicham Lahlou.

Matemáticas ao servizo da creación visual

Dun xeito paralelo a esta investigación sobre as orixes e influencia do azulexado andalusí, Asselman levou a cabo un “proceso de investigación creativo, visual e conceptual”, que o levou a desenvolver unha “linguaxe propia” para a creación de mosaicos xeométricos baseados no zellige. Na súa tese, Asselman realiza unha “descrición case matemática” dun proceso de creación de mosaicos e composicións propias, “baseado nunha trama cuadriculada”, para logo explorar a súa aplicación na arte e no deseño, “xogando coas figuras, os materiais, as técnicas, os soportes, os conceptos...”, e demostrando así a “infinidade de posibilidades de creación” que brinda un método que “pon as matemáticas ao servizo da creación visual”. 

Asselman, un dos gañadores do premio Novos Valores 2019 da Deputación de Pontevedra por un proxecto onde os patróns xeométricos se combinan coa música, buscou na súa produción artística “crear e transformar mosaicos inspirados no zellige”, dando lugar a "composicións complexas que se metamorfosean, dándolles volume para crear mosaicos en tres dimensións ou mesmo crear composicións figurativas a partir dunha figura xeométrica abstracta”. Deste xeito, o artista buscaba levar o zellige cara novos campos da creación contemporánea para expresar preocupacións, explica, estreitamente ligadas “á complexidade da identidade e a cultura nun mundo globalizado e á vez fraccionado”.