DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Facultade de Dereito Roberto Couto é o seu autor

Unha tese clarifica o marco xurídico da contratación bancaria electrónica

Entre os temas abordados están as obrigacións de información

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 04/11/2019

Na actual sociedade da información, a contratación bancaria electrónica adquire, segundo explica Roberto Couto, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, “un carácter esencial e básico no conxunto da economía”. Dada esta relevancia, na súa tese de doutoramento analizou en detalle e desde un punto de vista xurídico os contratos bancarios electrónicos, intentando aclarar o escenario no que se moven e as súas principais problemáticas.  

A tese foi presentada este ano na Facultade de Dereito do campus de Ourense co título Formación e forma dos contratos bancarios electrónicos. Realizada baixo a dirección de Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil, foi a primeira tese desta disciplina que se leu na facultade ourensá. “O sector financeiro, e bancario en particular, é un dos sectores económicos onde asistimos a unha maior presenza das novas tecnoloxías, na medida en que a intanxibilidade dos produtos e servizos bancarios fainos particularmente idóneos para a súa contratación electrónica, servindo, ao mesmo tempo, de apoio instrumental para o desenvolvemento do comercio electrónico noutros sectores”, explica o xa doutor sobre a relevancia de abordar a temática elixida.

Desde un punto de vista científico-xurídico, detalla Roberto Couto, o estudo dos contratos bancarios electrónicos é de particular dificultade, por existir unha “normativa moi dispersa, abundante e complexa, onde inciden, ademais da normativa sectorial bancaria, outras variadas disposicións, máis transversais, como as normas en materia de contratos a distancia ou con condicións xerais, as de protección dos consumidores, etc”. Neste contexto, na súa tese de doutoramento realizou unha caracterización xeral da contratación bancaria electrónica, comezando por sinalar a utilidade e as perspectivas de emprego das TIC no negocio bancario e realizando unha aproximación ao concepto de contrato bancario electrónico, aos seus elementos persoais e ás características específicas.

Información previa clara e comprensible

Entre os temas abordados en detalle na tese están a fase preliminar dos contratos bancarios e as denominadas obrigacións de información. Segundo explica Roberto Couto, en termos xerais, no que atinxe ao seu contido, “a información que a entidade ofrece á clientela debe resultar íntegra e, sobre todo, coherente, tomando en consideración a que se manifesta en todas as súas canles e en todas as circunstancias, ao longo de todo o proceso de contratación”. Por outro lado, en canto ao modo en que a entidade ten que facilitar a información previa, resulta esixible, sinala o investigador, “que a mesma resulte clara e comprensible, indicando inequivocamente a súa finalidade, ao que habería que sumar o seu carácter gratuíto”. Asemade, engade, a normativa bancaria de transparencia e protección da clientela, ou as normas reguladoras de certos contratos específicos, tamén establecen que debe garantirse a súa boa accesibilidade e, en contraste coa normativa xeral sobre contratación a distancia ou electrónica, a necesidade de que sexa facilitada en soporte duradeiro.

A calidade de profesional que ostenta o banco na contratación bancaria electrónica, comenta Roberto Couto, unida ás dificultades que a distancia física impón, “colocan ao cliente nunha situación de evidente inferioridade, que o ordenamento xurídico trata de paliar, en parte, mediante o establecemento dun particular réxime de información previa a cargo da entidade de crédito”. Así, detalla, na contratación electrónica máis prototípica, como é a realizada a través da páxina web, “non cabe aducir limitacións de espazo”. Ademais, engade o xa doutor, “a partir dunha atenta análise da normativa especificamente bancaria ou reguladora de determinados contratos bancarios cabe postular a necesidade de determinar o perfil da clientela, a fin de adecuar ao mesmo a información que a entidade ten que ofrecer”. Aínda que a obrigación de avaliar e segmentar en función dos coñecementos, necesidades e situación financeira da clientela non se establece de modo xeral e taxativo para todo tipo de contratos bancarios, indica o xurista, si que se prescribe para algúns dos máis importantes, como son os préstamos ou créditos. Tamén apunta como “parece obvio que a información preliminar tería que facilitarse antes da perfección do contrato, o que leva a excluír como tal, a xuízo da xurisprudencia, a fornecida no propio documento de formalización do contrato”.

Problemas de forma

Finalmente, a tese inclúe un estudo dos principais problemas que, desde un punto de vista formal, presenta a contratación bancaria electrónica, fundamentalmente vencellados ao cumprimento do deber de entrega da documentación contractual bancaria, especificando como debe ser o soporte da mesma e propoñendo algunha cuestión, como as dificultades derivadas da eventual necesidade de formalizar en documento público os contratos bancarios. “Na contratación bancaria electrónica, desenvolvida maioritariamente a través da web das entidades de crédito, desde o punto de vista da forma, varios son os aspectos funcionais de interese”, indica o xa doutor. En primeiro lugar, comenta, “é preciso que a forza de atracción duns contidos sobre outros, nunha contorna visualmente dinámica, con múltiples ligazóns e páxinas, non vaia en menoscabo da debida claridade e cumprimento cabal das obrigacións de información”. Tamén, engade, “resultaría esixible que se configuren as webs da maneira máis aberta e multioperativa posible, a fin de evitar os posibles defectos de funcionamento ou visionado derivados do uso de sistemas ou recursos técnicos diversos por parte da entidade e a súa clientela”.

Tamén en clave formal, Roberto Couto indica que “non debemos obviar as dificultades que cabe detectar na contratación bancaria electrónica en documento público, a partir dunha análise en detalle da regulación aplicable”. Conforme a iso, detalla, “obsérvase que, a pesar das declaracións legais recoñecedoras da plena validez da forma electrónica, con todo, a normativa notarial en vigor supón a imposibilidade práctica actual de contratar electronicamente en documento público”.