DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto de investigación Inou afondou no prestixio 'on-line' do sector

A ubicación, o factor máis valorado dos hoteis ourensáns nas plataformas web de hospedaxe

Analizáronse arredor de 28.000 comentarios de TripAdvisor e Booking

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/01/2020

A situación é o factor máis valorado dos hoteis ourensáns nas principais plataformas web de hospedaxe. Esta é unha das conclusións dun proxecto de investigación realizado por un equipo de investigadoras e investigadores do campus de Ourense no que analizaron arredor de 28.000 comentarios de TripAdvisor e Booking para coñecer o proxectivo on-line do sector hoteleiro da provincia de Ourense.

O proxecto é un dos cinco financiados na convocatoria Inou 2019 da Vicerreitoría do Campus de Ourense, que conta con financiamento da Deputación de Ourense e que ten por obxecto apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade. A investigadora e profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática Rosalía Laza coordinou a iniciativa, que levou por título Desenvolvemento de ferramentas para apoiar a calidade e mellora continua no sector hoteleiro ourensán.  Nel participaron en total sete investigadoras e investigadores, cinco da Escola Superior de Enxeñaría Informática e dous da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Segundo explican os seus membros, o proxecto estivo formado por dous subproxectos. O primeiro deles, dirixido pola propia Rosalía Laza, estivo centrado na extracción e pre-procesamento de opinións destes portais e o segundo, dirixido polo tamén investigador e profesor do mesmo centro Tomás R. Cotos, centrouse na análise e modelaxe destas opinións.

“A aparición e aumento de plataformas web onde os usuarios poden valorar a súa experiencia durante a súa estadía en establecementos hoteleiros dotou ao sector dun mecanismo efectivo para recoller información de especial importancia tanto para os xestores dos establecementos como para os futuros usuarios”, indican as e os responsables do proxecto. Así, detallan, “o 86% dos viaxeiros non reservan aloxamento sen antes ler as opinións dos usuarios sobre o mesmo”, resultando na actualidade o “prestixio on-line” no sector hoteleiro “especialmente importante dado que incide notablemente nas reservas de aloxamento”.

Valoracións cuantitativas

Neste marco de traballo, o proxecto centrouse na extracción de forma automática de datos de comentarios sobre hoteis da provincia de Ourense das plataformas Booking.com (servizos de reserva on-line) e TripAdvisor.es (portal de promoción turística), “dous importantes portais nos que se recadan as opinións dos turistas”.  No proxecto “logrouse un grande avance pola obtención dun sistema funcional de extracción automática das características dos hoteis da provincia ademais das opinións vertidas sobre eles”, indican os seus responsables. Os datos obtidos foron analizados posteriormente aplicando técnicas estatísticas e de minería de datos. Froito deste traballo, o estudo ofrece unha descrición do "prestixio on-line" que ten o sector hoteleiro na provincia nas dúas webs analizadas.

As opinións das e dos usuarios que se recollen nas plataformas TripAdvisor e Booking contan cunha parte cuantitativa, correspondente ás puntuacións que se realizan dos distintos aspectos do establecemento; e unha cualitativa, relativa á experiencia da súa estancia no hotel que está reflectida no comentario realizado. Da parte cuantitativa, de TripAdvisor obtiveron neste traballo 5806 comentarios referidos a 154 establecementos hoteleiros que se atopan distribuídos en 57 concellos de Ourense. O reconto do número de habitacións destes establecementos ascendeu a 2148 habitacións, que permiten segundo o estudo aloxar a un total de 4360 hóspedes. Froito da análise destas opinión cuantitativas, as e os investigadores indican que considerando as valoracións dos usuarios segundo o tipo de viaxe, “observamos que as puntuacións máis altas en todas as clases de viaxe adoitan ser para a situación dos establecementos”. Pola contra, engaden, “a relación calidade-prezo é a menos valorada nos viaxes en familia, parella ou de amigos e a valoración individual rexistra os datos máis baixos no caso de usuarios que se desprazan por negocios ou sos”. Atendendo á categoría do establecemento, detállase no proxecto, “as peores valoracións medias recíbenas en xeral os de dúas estrelas”, tendo en conta que TripAdvisor realiza unha clasificación dos hoteis en estrelas en función da calidade dos seus servizos e instalacións, unhas categorías que, advirten as e os investigadores, non teñen por que coincidir coas estrelas reais dos establecementos. Os hoteis de tres estrelas, engaden, “reciben a menor puntuación na valoración individual (que dá lugar á xeral do establecemento) e os de catro estrelas na relación calidade prezo”. Neste último caso, puntualizan, “contraponse á alta puntuación que reciben en canto á súa situación”.

Da plataforma Booking foron extraídos no proxecto un total de 22.227 comentarios relativos a 137 establecementos hoteleiros localizados en 38 concellos de Ourense, ascendendo o número de habitacións e prazas dos establecementos a 1355 e 2740 respectivamente. Tendo en conta que nesta web as valoracións abranguen entre 0 e 10, os datos obtidos neste estudo apuntan que “as valoracións superan os cinco puntos na totalidade ou nunha porcentaxe moi elevada dos casos”. Ademais, engaden as e os investigadores, “se consideramos as valoracións medias dos usuarios por categoría de hotel e de apartamento, obsérvase que os establecementos de catro estrelas de ambos tipos obteñen en xeral as puntuacións máis altas en todos os aspectos a valorar”.

No proxecto tamén se probou o uso de métodos de regresión e clasificación (análise de sentimentos, random forest) na análise dos comentarios de usuarios, é dicir da parte cualitativa das opinións dos portais analizados. Porén, estes métodos non ofreceron resultados satisfactorios polo que as e os investigadores indican que neste caso aínda “é necesario seguir afondando nos modelos” empregados para a obtención de datos antes de poder obter información de utilidade para o sector.