DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano impartirase de xeito totalmente virtual a través do Campus Remoto

Últimos días para matricularse no curso sobre xestión do transporte

Aberto a estudantes e profesionais, o prazo de inscrición remata este venres

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 20/05/2020

A crise sanitaria que unha gran parte do mundo está a experimentar neste momento está afectando a diversos sectores, entre eles o do transporte, un ámbito que nas últimas semanas demostrou, máis que nunca, a súa importancia. Neste contexto cobra relevancia a apertura de matrícula nun dos módulos formativos do curso de Especialista Universitario en Dirección de Loxística e Produción, o de Xestión do transporte na cadea de subministración.

Organizado pola Escola de Enxeñería Industrial e o Grupo de Enxeñaría de Organización (GIO), este módulo ten como obxectivo xeral dotar aos asistentes de aptitudes clave na xestión da cadea de subministración, polo que se “oferta unha ampla formación nun ámbito clave para acadar a mellora competitiva das empresas”, sinala Iria González, consultora e investigadora no grupo GIO. “O que buscamos é desenvolver, tanto de forma teórica como aplicada, o funcionamentos dos diferentes modos de transporte nas cadeas de subministración globais”, recalca González, quen explica que durante as distintas sesións exporanse múltiples exemplos de problemas de loxística asociados ás importacións e exportacións, ao deseño das rutas de transporte e ao funcionamento do sistema marítimo de transporte, entre outros.

Dirixido a estudantes e profesionais con experiencia en loxística

Esta actividade vai dirixida principalmente a persoas tituladas ou estudantes dalgún grao de enxeñaría, principalmente do de Organización Industrial, así como a profesionais con experiencia na función loxística ou similar, se ben aquelas persoas que non teñan formación previa, pero si coñecementos sobre o tema tamén serán benvidas. Ofértanse 50 prazas e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata este venres, día 22, a través da plataforma Bubela. O prezo do curso, validable por tres créditos ECTS, é de 300 euros.

Clases en liña desde o 23 de maio ao 12 xuño

Con 30 horas de duración, o curso impartirase de xeito virtual a través do Campus Remoto entre o 23 de maio e o 12 de xuño. “A docencia está dividida en cinco submódulos, abordando todos temas ligados co transporte pero dende diferentes perspectivas”, explica a investigadora. O primeiro será impartido por Francisco Fernández, director de Operacións en Progeco Vigo e tratará o tema das infraestruturas portuarias e os fluxos de mercancías a través de contedor no caso do porto de Vigo. 

O submódulo 2 correrá a cargo de Margarita Enríquez, experta e consultora en Loxística Internacional, e nel farase unha introdución á loxística internacional explicando a súa preparación e explotación, o contrato de transporte e os seus documentos, a función da aduana, etc. O submódulo 3 será impartido por J. Carlos Prado, director do grupo GIO, quen fará unha introdución á problemática do reparto e á súa organización, explicando as diferentes melloras que poden levarse a cabo nunha empresa de distribución.

A experiencia de reorganización de rutas nunha empresa de alimentación será o tema principal do penúltimo módulo, que será impartido por Gonzalo Souto, responsable de Ipasa e director de Operacións en Ipasa-Sanbrandán. Para rematar, o quinto submódulo, que tratará o tema da función do transitario no transporte internacional, contará con dous docentes: Pablo Fernández, responsable de operacións en Operinter CTGA Traimer, e Óscar García, responsable comercial de Operinter.