DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con múltiples actividades programadas nos tres campus

A Universidade abrirá as súas portas ao alumnado de ensino medio e ás súas familias do 18 ao 20 de xuño

Só será preciso realizar inscrición previa para grupos de máis de 15 persoas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/05/2019

Charlas, talleres, visitas guiadas, exhibicións, obradoiros… A Universidade de Vigo celebrará do 18 ao 20 de xuño unha gran Xornada de Portas Abertas, XOU, tres días nos que a institución convida ao alumnado de ensino medio e ás súas familias a achegarse aos campus e coñecer máis de preto as diferentes escolas e facultades e a vida universitaria. Será o 18 no campus de Ourense, o 19 en Pontevedra e o 20 en Vigo e as persoas interesadas poderán achegarse sen necesidade de realizar ningún tipo de inscrición previa, salvo que se trate de grupos de máis de 15 integrantes.

“Esta é a primeira vez que nunha mesma semana e con carácter institucional os tres campus celebran xornadas de portas abertas”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen apunta que en abril de 2015 xa se levara a cabo unha xornada de portas abertas institucional pero con todas as actividades centralizadas no campus de Vigo, e que houbo tamén experiencias previas en Ourense e Pontevedra, pero enmarcadas noutro tipo de actividades divulgativas.

Un formato distinto en cada campus

As xornadas van ter nesta ocasión un formato distinto en cada campus. No caso de Ourense, organizouse a modo de feira universitaria con postos dos diferentes centros participantes e actividades variadas coordinadas polas diferentes facultades e escolas. Ademais de información sobre as titulacións e sobre os servizos xerais da Universidade, nos diferentes postos ofreceranse obradoiros e exhibicións. Haberá talleres relacionados con idiomas, con educación artística, ciencias experimentais, radio... A cita será de 10.00 h a 14.00 h no pavillón polideportivo e estará amenizada polo robot da UVigo. Ademais, haberá tamén visitas guiadas polos diferentes centros.

No caso do campus de Pontevedra, o mércores 19, está previsto a realización de toda unha serie de visitas guiadas polos centros cun horario programado de maneira que non se produzan simultaneamente. Arrancarán ás 10.00 h en Ciencias da Educación e do Deporte; ás 10.45 h en Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se prevé o visionado de anuncios publicitarios e curtas realizados polo propio alumnado do centro e que foron premiados en diferentes certames; ás 11.30 h Fisioterapia, ás 12.15 h Enxeñaría Forestal, ás 13.00 h Belas Artes e as 13.30 h Enfermaría.

No caso de Vigo a cita será o xoves 20 ás 11.00 horas  na sala I do edificio Miralles e consistirá nunha charla xeral sobre preinscrición, matrícula e oferta formativa da Universidade. Unha vez rematada esta presentación formaranse grupos entre as persoas que asistan, en función dos seus intereses, para realizar as visitas guiadas aos diferentes centros.

Xornadas abertas ao público en xeral

“Estas xornadas non están dirixidas só aos centros de ensino secundario, senón a todos os alumnos e alumnas e familias cuxos fillos decidiron estudar na UVigo e queren coñecer onde van pasar os próximos anos”, explica a vicerreitora, facendo así fincapé en que as actividades están abertas ao público en xeral sen necesidade de inscrición previa, salvo no caso dos institutos e asociacións de pais e nais que queiran asistir como grupo -máis de 15 persoas- en cuxo caso si que hai que inscribirse –o prazo para anotarse manterase aberto ata o día 17 de xuño-.

Actividades propias na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Coincidindo en datas e pensando sobre todo naqueles estudantes especialmente interesados nos graos que se imparten no seu centro, desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organizaron tamén para o mércores 19 a súa propia xornada de portas abertas. Neste caso as visitas organizaranse en tres quendas: ás 10.30 h,  12.30 h e 16.00 horas, cada unha delas cunha duración aproximada de unha hora e media. “Realizarase un taller de actividades manipulativas relacionadas con enxeñaría de materiais ou motores e darase unha breve charla explicativa sobre as saídas profesionais dos nosos egresados nos graos de Enxeñaría da Enerxía e de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos”, explica o subdirector do centro José Santiago Pozo.

Neste caso as persoas interesadas poden achegarse ata o centro no horario que mellor lles veña sen necesidade tampouco de inscribirse previamente.