DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Neste tempo tramitou preto de 700 expedientes, o 70% relacionados co sector alumnado

A Universidade celebra 20 anos do Tribunal de Garantías, “observatorio independente e imparcial” da vida universitaria

Este órgano será substituído en breve pola figura dun Valedor ou Valedora Universitaria

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/06/2019

Aínda que non foi ata o ano 2001 que a figura do Defensor Universitario se converteu en obrigatoria no sistema universitario español, a Universidade de Vigo xa contaba desde 1999 cun Tribunal de Garantías. Desde entón pasaron 20 anos, dúas décadas nas que este órgano se converteu no “observatorio independente e imparcial” da vida universitaria, tal e como lembrou este martes o profesor Argimiro Rojo, actual presidente do tribunal. Fíxoo nun acto no que se celebrou o 20 aniversario dunha institución, o TG, que, en cumprimento dos novos Estatutos da Universidade, dará paso en datas próximas a unha nova etapa cun Valedor ou Valedora Universitaria a fronte, alguén que, como subliñou o actual reitor, Manuel Reigosa, “desde un punto de vista totalmente independente, sexa quen de tirar das orellas cando hai que facelo, e que permita tamén que todos os estamentos da Universidade de Vigo –alumnado, PDI e PAS- se vexan reflectidos nesta institución que é de todos e para todos”. 

Con este acto a Universidade de Vigo quixo ofrecer unha homenaxe a todas as persoas que formaron parte do Tribunal de Garantías ao longo destes anos, “e así poder expresar publicamente, e a través da entrega dun pequeno agasallo, un sentimento de gratitude e recoñecemento”, explicou Rojo no seu discurso, unha intervención con sabor a despedida na que, visiblemente emocionado, quixo compartir co conxunto da comunidade universitaria “a satisfacción de ter contribuído ao longo destes anos á defensa e á promoción dos dereitos e intereses lexítimos do alumnado, do PAS e do PDI”.

20 anos de “traballo colectivo”

O acto, no que se repasaron as principais actividades e funcións do tribunal ao longo destes anos, tivo un marcado carácter lúdico e festivo. Conducido polo vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e amenizado polo dúo musical Riobó & Pintos, composto por Anxo Pintos e Begoña Riobó, incluíu a proxección dun vídeo de arredor de dez minutos de duración no que apareceron persoas, escenarios, conceptos, ideas e informacións que mostraron o por que e o para que do tribunal. 

Entre outros, participaron neste peza audiovisual o exreitor Domingo Docampo, que lembrou o momento no que se creou o TG e por que en Vigo se decidiu elixir este formato de órgano colexiado e non un unipersoal, do tipo Defensor do Alumnado, que era a figura pola que se estaba a optar na maior parte das institucións académicas de ensino superior do resto de España. A esta intervención uniuse a de Luis Espada, primeiro reitor da Universidade de Vigo e presidente do TG desde 1999  e 2011, que lembrou todo o proceso de posta en marcha deste órgano, e tamén a do actual presidente, Argimiro Rojo, sobre a presenza do tribunal en redes internacionais. En nome do alumnado falou Javier Puga; do PDI, Sara Mª Torres, e do PAS, Ana Martínez, achegando cada un/unha a súa propia visión da importancia do labor levado a cabo por este órgano “de traballo colectivo” encargado, sobre todo, de supervisar actuacións, detectar posibles ilegalidades, malas prácticas, inercias ou, simplemente, rutinas obsoletas e disfuncionais, pero no que tamén “recomendamos, advertimos, suxerimos e promovemos cambios e melloras”, recalcou Rojo.

Lugar preferente para o alumnado, “a parte máis indefensa”

Cun marcado carácter de fin de ciclo, o acto serviu tamén para facer balance da actividade levada a cabo polo tribunal entre 1999 e 2018, anos nos que se tramitaron máis de 670 expedientes, a súa actuación máis relevante, tanto por ser a que ten máis visibilidade externa, como pola dedicación en tempo e recursos que esixe. Neste senso, o alumnado foi o colectivo que maior número de expedientes tramitados acumulou ao longo destes anos: un total de 479, o que representa o 71% do total, na súa maior parte relacionados con exames e avaliacións. “O alumnado ocupou, neste senso, un lugar preferente na nosa axenda, ao consideralo a parte máis indefensa e vulnerable, sendo, por outra parte, a que dá sentido á institución da que formamos parte”, explicou Rojo.

No caso do PDI, a maior parte dos asuntos trasladados ao Tribunal de Garantías -134- estiveron relacionados coa carga docente e a convivencia, mentres que o PAS centrou as súas solicitudes -48- en asuntos laborais.

A crise económica e o Plan Boloña, os intres máis críticos

Como momentos máis críticos destes 20 anos, o actual presidente do tribunal lembrou a crise económica desencadeada a partir do 2008 e o Plan Boloña, dous feitos que orixinaron un alto número de problemas, conflitos e disfuncións no conxunto do sistema universitario. “Todo iso, unido a unha actitude cada vez máis reivindicativa e de denuncia -que sempre alentamos- produciu un espectacular incremento nas actuacións do TG”, explicou o actual presidente, ao tempo que fixo fincapé en que non foi doado xestionar conflitos en circunstancias tan adversas. “Intentamos achegar calma e serenidade, solucións e arranxos, legalidade e xustiza, empatía e rigor, sen renunciar xamais á imparcialidade e á independencia”, recalcou Rojo.

Traballo en redes, tanto nacionais como internacionais

Nestes 20 anos, o Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo foi quen de integrarse e estar presente en organismos nacionais e internacionais como a Rede de Defensores Universitarios de Galicia; a Rede de Valedores/Provedores do Estudante da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; a Conferencia Estatal de Defensores Universitarios de España; a Red de Organismos Defensores de los Derechos Universitarios de México ; a European Network of Ombuds in Higher Education e a Red Iberoamericana de Defensorías Universitarias. “Consideramos que ao TG hai que recoñecerlle ese papel destacado na promoción e na creación de todas esas redes”, salientou Rojo, que aproveitou este intre para agradecer o apoio e complicidade dos seus colegas de Santiago e A Coruña, presentes tamen no acto.