DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo acordaron os responsables de ambas institucións nunha reunión este mércores

Universidade e Concello colaborarán para facer peonil o espazo central do campus pontevedrés

O acordo implica tamén a cesión dos terreos para a construción dun skate park

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/10/2019

A Universidade de Vigo contará coa colaboración do Concello de Pontevedra no proceso de conversión de parte do espazo central do campus da Xunqueira nunha zona peonil. Así o acordaron este mércores o reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na xuntanza que mantiveron no consistorio pontevedrés, na que participaron tamén o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e a concelleira de Universidade, Yoya Blanco. O obxectivo da institución académica é converter en peonil a contorna da rotonda situada fronte ao acceso ás facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, explicou o reitor tras unha reunión na que ambas institucións abordaron tamén a cesión dos terreos da parcela de acceso ao campus nos que o Concello proxecta construír un skate park.

Segundo explicou Reigosa en rolda de prensa, a “idea fundamental é pechar ao tráfico rodado” este espazo central do campus, para logo “facer algunhas actuacións que permitan que ese espazo sexa máis agradable”. Nese senso, apuntou que se trata dun proxecto que “primeiro hai que estudar” e que probablemente se levará a cabo “por etapas, nas que para nós é moi importante o acompañamento e a axuda do Concello”. Reitor e alcalde apuntaron tamén que se trata dunha colaboración aínda por definir con exactitude e, de feito, na xuntanza abordáronse “distintas posibilidades” para esta peonalización, “porque as actuacións poden ser moi distintas, pero todas elas irán encamiñadas a que sexa un campus moi integrado, urbano e aberto á cidadanía”, explicou Reigosa. 

“Comuñón de intereses”

Segundo indicou Fernández Lores, o obxectivo desta reunión era “encaixar dúas cuestións que son de interese común”. Por unha banda, a posta a disposición dos terreos para facer o skate park, para o que o Concello conta cun proxecto deseñado e que se emprazaría na parcela de acceso ao campus. Por outra, o equipo reitoral trasladou aos responsables da institución municipal o seu propósito de “acompañar esta cesión coa vontade de colaboración do Concello na mellora da calidade ambiental do espazo público do campus”, dando lugar a unha “especie de comuñón de intereses” que contribúa a facer que este “sexa verdadeiramente un espazo de convivencia e integrado tamén na cidade”, salientou o rexedor. 

“Non coñecíamos en detalle o proxecto do skate park, que saudamos con ledicia” engadiu Reigosa, que agradeceu a “sensibilidade do Concello” cara esa idea dun “campus moi integrado, moi cidadán, con moita presena dos peóns”. Segundo aclarou o alcalde, nesta xuntanza acordouse que o Concello vai “facilitar e colaborar” coas actuacións que se leven a cabo neste proceso de “humanización”, pero, matizou, “non decidimos cal será a colaboración exactamente, nin a contía económica”. Nese senso, Reigosa explicou que este acordo debera plasmarse nun ou en dous convenios diferentes e apuntou que a cesión dos terreos “será en breve”, á vez que sinalou o obxectivo que dentro do mandato do equipo de goberno “teñamos xa un campus peonil”.

Un campus "aínda máis forte"

A preguntas dos xornalistas, o reitor lembrou tamén que, na anterior xuntanza co alcalde, este “puxo a disposición” da Universidade un espazo dentro da parcela que ocupaba antiga fábrica de Tafisa, “para futuras ampliacións do campus”. Un espazo que, engadiu, “entendemos que vai ser máis que suficiente para o seguinte mapa de titulacións”, no que a Universidade agardará sumar a Pontevedra novos graos “que van intentar fortalecer o Campus Crea”, aínda que, lembrou, estas deben xurdir como resultado dun proceso de negociación entre as tres universidades galegas e a Consellería que aínda non se iniciou.

“Esa reserva de solo para o futuro vai permitir que teñamos un campus aínda máis forte”, engadiu o reitor, que salientou o “éxito extraordinario” en materia de captación de alumnados do campus pontevedrés, que no presente curso ten unha taxa de ocupación do 108% nas súas prazas de novo ingreso, a pesares de ser o ano “en que menos alumnos había en idade de facer a ABAU”. 

Tamén a preguntas dos xornalistas, Reigosa referiuse á implantación o vindeiro curso do grao en Deseño e Creación, que comezará a impartirse nas instalacións da Facultade de Belas Artes, xa que “moitos dos laboratorios cos que van traballar en Deseño e Creación son comúns con Belas Artes”. O reitor recoñeceu, non obstante, que, unha vez estean en marcha varios cursos do novo grao “é posible que nalgún momento precisemos algunha aula máis” e subliñou á súa vez que se trata dunha titulación que “de seguro vai ter un tirón extraordinario”.