DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do programa ‘Falamos’, que promoverá diferentes actividades lúdicas o vindeiro curso

Universidade e Concello de Pontevedra alíanse para xerar novas e novos galegofalantes no campus

O 64% do alumnado pontevedrés expresase unicamente en castelán

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/07/2020

O inicio dos estudos universitarios constitúe un momento de cambios para o alumnado, nos seus modos de vida, nas súas relacións persoais..., polo que tamén pode ser un bo momento para cambiar de lingua. Partindo desta idea, a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra impulsan o programa Falamos, dirixido a potenciar o uso do galego entre o alumnado do campus de Pontevedra, tanto entre aqueles e aquelas que xa o empregaban previamente como entre mozos e mozas castelanfalantes. Un equipo de preto de 20 persoas, conformado por técnicos das dúas institucións, profesorado e estudantado do campus, traballa desde hai meses na definición das diferentes iniciativas, fundamentalmente de carácter lúdico, que a partir de setembro se desenvolverán no campus ao abeiro deste programa, presentado este mércores polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade, Fernando Ramallo; e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

“Contribuír o máximo que poidamos a visibilizar o uso do galego no ámbito universitario” e, “fundamentalmente, incrementar a o uso da lingua galega entre a mocidade do campus” constitúen, como sinalou Ramallo en rolda de prensa, os obxectivos centrais dun programa xurdido á iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello e acollido con “entusiasmo, pero tamén como un desafío” pola Universidade e a súa Área de Normalización Lingüística (ANL). Non en van, subliñou o seu responsable, “os datos sobre o uso do galego na sociedade en xeral e na universidade en particular son o suficientemente preocupantes como para que creemos espazos deste estilo”, nun proxecto que busca “conectar a cidade e a Universidade a través da lingua”. Nese senso, Ramallo lembrou que o último estudo sociolingüístico realizado na Universidade de Vigo, en 2018, apuntaba que o 64% do alumnado do campus pontevedrés “é monolingüe en castelán”, mentres que só o 18% das e os estudantes se definían como galegofalantes. 

Incidindo tamén nestas cifras, o vicerreitor puxo o acento na importancia dun proxecto que “entronca directamente co ADN da Universidade e coas nosas liñas estratéxicas”. Jorge Soto lembrou o papel que a institución académica xoga na “defensa da nosa cultura a través da lingua”, á vez que puña en valor que Falamos sexa un “proxecto construído desde todos os ámbitos”, que “vai conseguir que teñamos unha mocidade máis concienciada cunha forma de entender o noso máis acaída”. Oubiña, pola súa banda, explicou que Falamos é “un programa no que levamos meses traballando”, xa que desde o mes de marzo sucédense as xuntanzas, de carácter telemático dada a crise da covid.19, dun grupo integrado por preto de 20 persoas, responsable de definir as actividades, como voluntariado, un curso de cociña ou concertos, que integrarán un programa que “agardamos que esta rematado para finais de agosto ou comezos de setembro para poder implantalo de cheo no novo curso”. 

Espazos nos que xerar neofalantes

Como explicou Oubiña, xunto ao nacemento dun fillo ou filla, a chegada á universidade é un deses “momentos na vida nos que o cambio dunha lingua se volve máis sinxelo”, motivo polo que esta iniciativa, “centrada sobre todo no alumnado”, busca facilitar ao alumnado “un contexto, espazos e alternativas de ocio e de socialización nos que poder atoparse coa lingua“. Con esa mesma idea, Ramallo subliñou que o programa busca “espazos para a inmersión en galego”, tanto para aquelas persoas que o falan no ámbito familiar e que “moitas veces cando chegan ao ámbito universitario, mudan a súa lingua”, como a estudantes que nunca o falaron ou que o falan moi pouco. “Sabemos por diversos estudos que a universidade pode ser un lugar para esa conversión lingüística, para iniciarse no uso do galego de forma habitual”, salientou o director da ANL, que incidiu na importancia que, dada a baixa porcentaxe de galegofalantes entre a mocidade, teñen na actualidade as e os neofalantes, así como no papel “crucial” que neste eido pode xogar a universidade, “un espazo de esperanza para o galego”.

Un programa de carácter lúdico 

Con ese obxectivo de fomentar o uso do galego na vida universitaria, pero tamén nas relacións sociais do alumnado, Falamos englobará unha serie de propostas que, “fundamentalmente teñen que ver co ocio e o tempo libre, cunha compoñente lúdica”, explicou Ramallo. Nese senso e pese a que o programa de actividades “aínda está en proceso de elaboración”, o director da ANL destacou que entre as propostas nas que se traballan atópase o “voluntariado lingüístico”, un curso de cociña, clubs de lectura, concertos, “quedadas para falar de cine ou de series” ou iniciativas nas redes sociais. Mais, engadiu, trátase dunha iniciativa “aberta a integrar propostas novas” e que é ademais froito do traballo conxunto dun grupo de traballo integrado “por xente con perspectivas moi diversas e heteroxéneas”.