DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa, Caballero e Regades mantiveron unha reunión este mediodía en dependencias municipais

Universidade, Concello e Zona Franca reiteran a súa disposición a seguir colaborando

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 19/06/2019

Manuel Reigosa, Abel Cabellero e David Regades reiteraron este mediodía a sintonía que preside a relación que manteñen Universidade, Concello e Zona Franca de Vigo. Tras unha xuntanza “desas que temos de cando en vez para tratar temas que atinxen á política universitaria”, dixo Reigosa, os responsables das tres institucións manifestaron a súa intención de seguir colaborando, como o viñan facendo ata o de agora, en cuestións como transporte, bolsas, prácticas para egresadas e egresados e espazos comúns. “Coa Universidade temos unha partida de 350.000 euros para dar apoio en diferentes cuestións”, lembrou o alcalde, que transmitiu ao reitor o seu apoio, asegurando que “el entende o seu papel e implicación na cidade e con el hai total sintonía”.

Pola súa banda, Manuel Reigosa trasladou o seu agradecemento ao alcalde e ao delegado de Zona Franca, quen se referiu á cátedra e aos proxectos de emprendemento e innovación que comparten as dúas institucións, como exemplos da colaboración que manteñen a institución académica e Zona Franca.

Posicionamento no ranking QS

A preguntas das e dos xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo referiuse á posición acadada pola institución académica no ranking a consultora británica Quacquarelli Symonds (QS) que selecciona os 1000 mellores campus do mundo e no aparecen un total de 27 universidades españolas, das que 14 rexistraron unha baixada na súa posición, respecto do ano anterior. Para Reigosa este descenso é consecuencia de que “e o financiamento universitario baixou os últimos anos e non é verdade que se poida facer máis con menos”. O reitor vigués pediu que se compare o orzamento das universidades situadas nos primeiros cen postos do ranking co das institucións españolas, asegurando que “estamos relativamente ben posicionados cos cartos que recibe a universidade pública”.

O reitor que defendeu o traballo do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, situada no ranking QS no tramo das 900 últimas universidades, incidiu na necesidade urxente de incorporar persoal novo aos grupos de investigación e aos departamentos. Reigosa, que asegurou “que o ranking QS non é seguramente o máis significativo porque se basea en estatísticas”,  avanzou que en breve a Universidade disporá de datos de clasificacións “máis obxectivas e creo que aguantaremos o tirón, pero hai que contratar persoal docente e investigador novo que complemente os grupos de investigación e os departamentos”, asegurou o reitor.