DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Manuel Baltar reuníronse este luns

Universidade e Deputación de Ourense estreitan a súa colaboración

Entre os temas abordados estiveron a renovación dos convenios anuais por valor de 380.000 euros

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 03/02/2020

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reuníronse este luns no campus de Ourense co obxectivo de avanzar na colaboración institucional entre as dúas entidades e co reto, tal e como destacou o reitor, de que a institución académica xogue “cada vez máis un papel relevante no desenvolvemento socio-económico e cultural da provincia”. Os responsables das dúas entidades avanzaron na súa reunión na renovación dos convenios existentes entre as dúas institucións, por valor de aproximadamente de 380.000 euros, e na posibilidade de colaborar no eido da promoción do campus.

Convenios e promoción

Durante a reunión, os responsables das dúas entidades abordaron as características do vindeiro convenio anual para actividades e programas culturais, deportivos e educativos do campus de Ourense e do convenio para potenciar o Observatorio Internacional do Medio Rural, que o presidente do órgano provincial estimou nunha dotación aproximada de 180.000 e 200.000 euros respectivamente. Trala xuntanza, o reitor subliñou como “desde o punto de vista da Universidade estamos moi satisfeitos por levar adiante esta colaboración”, xa que, indicou, “temos unha serie de convenios, un que se renova cada ano e que nos permite facer moitísimas actividades, outro no eido do rural e hoxe avanzamos na promoción do campus”.

Sobre este último punto, o da promoción, Manuel Reigosa, explicou como a idea de incidir nesta liña de actuación xorde ante a convicción de que o campus de Ourense “é un campus do que moitas veces non somos quen de facer constar todas as fortalezas que ten desde todos os puntos de vista”. Así, tras gabar as características deste campus, o reitor amosou a súa confianza en que este “se poida visualizar tamén como unha fortaleza da provincia de Ourense”. Neste contexto, Reigosa quixo agradecer a colaboración da Deputación de Ourense e do seu presidente coa Universidade de Vigo apuntando como esta colaboración vai “vento en popa”.

Pola súa banda, Manuel Baltar salientou como a “alianza estratéxica” entre as dúas institucións “vai ir a máis nos próximos tempos”. Así, o presidente da Deputación de Ourense recalcou como “temos no campus a un motor provincial e á Deputación o que lle interesa é que os seus motores estean en perfecto estado de revista e funcionamento e que acheguen valor á provincia”, apuntando como “sen dúbida hoxe en día o campus é un dos grandes valores da provincia de Ourense”. Segundo explicou o presidente do órgano provincial, “vivimos uns momentos de gran relación” coa Universidade que permiten albiscar “pór en marcha proxectos de futuro que pensen en todo o territorio, que pensen no desenvolvemento social e económico da provincia”. Salientando os intereses comúns que unen ás dúas entidades, Baltar destacou como “apostamos sen dúbida pola promoción do campus” e lembrou os bos resultados acadados en 2019 polo Observatorio Internacional do Rural e o seu primeiro congreso internacional.

Novas titulacións para o campus de Ourense

A preguntas dos xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo tamén falou da situación actual de dúas novas titulacións que se están tramitando para o campus de Ourense. Sobre o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, Manuel Reigosa indicou que nestes momentos estanse a celebrar xuntanzas entre os comités das dúas escolas das universidades de Vigo e A Coruña que participan desta titulación. “Hai unhas normas claras ditadas pola consellaría e agardamos ser quen de chegar a acordos en tempo e forma. Estamos no tempo de desconto para que o mestrado se poida implantar, para que os alumnos que rematen o grao se así o queiran poidan continuar o mestrado en Ourense”, dixo o reitor. Respecto aos prazos, Reigosa apuntou como “falando coa conselleira creo que non vai haber problemas. Se somos quen de chegar a un acordo, digamos no prazo dun mes, digamos que se poden parar as máquinas para que a titulación entre en prazo. É unha titulación que sufriu distintos avatares e polo tanto imos permitir que os prazos máximos se adíen un pouco”. Sobre onde será a docencia deste mestrado, o responsable académico volveu a subliñar como “contamos co apoio da conselleira, que me garantiu que o mestrado se vai a implantar en Ourense, que as clases van a ser en Ourense”.

Tamén se referiu o reitor ao futuro Grao en Relacións Internacionais. Manuel Reigosa salientou como “para nós é unha titulación completamente nova que permite ampliar a oferta”. O responsable da institución académica indicou que “agardamos moito dela, porque vai a ser unha titulación que se vai a implantar totalmente en inglés, que vai a intentar atraer talento internacional cara Ourense e que agardamos que sexa unha titulación singular”. Nela, indicou, van a participar as facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Historia e Ciencias da Educación e “contará en principio cunha nova facultade para que se organice mellor”. Sobre os seus prazos, apuntou como esta semana van a ser convocadas as catro facultades do campus que van a ter relación con esta titulación.