DUVI

Diario da Universidade de Vigo

21 centros dos tres campus participan no salón educativo que se celebra no Pazo da Cultura 

A Universidade exhíbese ante do seu futuro alumnado coa súa maior representación en Edugal

18 facultades e escolas contan cun stand propio na feira 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/02/2020

Entre este mércores e este venres, milleiros de estudantes de diferentes puntos de Galicia pasarán polo Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se celebra a novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia Edugal, ao que á Universidade de Vigo acode coa súa maior representación de facultades e escolas. Xunto co stand institucional, 18 centros dos tres campus contan cun posto propio no espazo reservado á institución académica na feira promovida pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe), mentres que 21 están representados nas charlas de orientación universitaria programadas para as tres xornadas do salón.

“Trátase do salón educativo de Galicia polo que a Universidade, loxicamente, ten que estar”, salienta a vicedecana de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que explica que, por primeira vez, nesta edición “todos os centros participan nalgunha das charlas de orientación”. Como un “punto de encontro” que permite achegar “á realidade da Universidade” ao alumnado, para que estes poidan “coñecer diferentes posibilidades de futuro” definiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, un salón que contou coa participación, na súa inauguración, do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa.

Atraendo o interese dos visitantes

Ademais de información e asesoramento respecto da oferta académica da Universidade, as e os visitantes de Edugal poden atoparse tamén en Edugal con múltiples exemplos prácticos e visuais dos ámbitos de traballo e investigación dos diferentes centros. Así, a Escola de Enxeñería Industrial exhibe nesta feira unha cámara termográfica, un brazo robot, un panel de enerxía fotovoltaica ou o monopraza co que o equipo UVigo Motorsport competiu o pasado ano na Formula Student. A idea, explica o seu subdirector de Alumnado, Fernando Manzanedo, é “chamar a atención” dos visitantes. Con ese mesmo propósito a Facultade de Bioloxía achegou mostras de animais ou plantas cultivadas in vitro, xunto cuns microscopios no que poder observar diferentes tecidos animais e vexetais. “É a primeira vez que estamos cun stand, o que nos permite ter máis interacción cos rapaces, un contacto máis personalizado”, salientaba o vicedecano Jesús Míguez.

Con esa mesma idea, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía propuña aos e ás visitantes un xogo no que, simulando unha pequena explotación mineira, tiñan que “pescar” cun imáns unha magnetita, á vez que convidaba aos visitantes a fotografarse no seu pousadoiro. A Facultade de Química, pola súa banda, exhibía no seu stand exemplos de minerais e de diferentes compostos químicos, montaxes de laboratorio ou unha mostra de como dous limóns poden facer funcionar un reloxo. “A idea é mostrar un pouco que é a química, da que moitas veces a visión da sociedade non é moi boa; amosar dun xeito visual o que facemos”, salientaba a súa decana, Ángeles Peña.

Centros como Ciencias Sociais e da Comunicación, por outra banda, valíanse das pantallas para proxectar algúns dos traballos audiovisuais do seu alumnado, reunidos na web A Canteira, mentres que Filoloxía e Tradución facía o mesmo para presentar mostras de refalado ou de interpretación simultánea para persoas con discapacidade visual ou auditiva. A Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade, sumaba a esta serie de propostas a posibilidade de aprender a realizar manobras de reanimación a adultos e nenos, calcular o risco de accidente cardiovascular ou coñecer os niveis de glicosa.

Contacto directo co futuro alumnado

Outro dos centros que repite presenza en Edugal é a Escola de Enxeñaría Forestal, que presenta tamén mostras de diferentes tipos de madeira e de vexetais, así como un areeiro interactivo. “Vimos todos os anos, porque sempre queremos estar nas actividades que se fan en Pontevedra e que teñen que ver coa Universidade, e máis se teñen que ver coa captación”, apuntaba o seu director, Juan Picos, que ve neste stand un punto de encontro desde o que animar aos e ás estudantes a visitar a escola. “A pesares do extraordinario labor dos orientadores dos centros, para o alumnado de ensino secundario é moi importante poder recibir información directa por parte das facultades”, engadía Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. As escolas de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo, Enxeñería Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e as facultades de Belas Artes, Ciencias da Educación e do Deporte, Ciencias Económicas e Empresariais, Historia, Ciencias, Ciencias Empresariais e Turismo completaban a representación da Universidade de Vigo nesta novena edición de Edugal.