DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro enmarcado nun proxecto sobre violencia machista do programa Eurosocial+

A Universidade explora vías de colaboración con expertos e profesionais de Guatemala

O seu obxectivo era coñecer unha iniciativa desenvolvida polo grupo de investigación PS1

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 22/11/2019

Ao abeiro do programa de cooperación entre a Unión Europea e América Latina Eurosocial+, financiado pola Comisión Europea, o campus de Pontevedra recibiu a visita dun grupo de profesionais do ámbito xurídico e de académicos procedentes de Guatemala, cos que representantes da institución académica compartiron un encontro de traballo dirixido a explorar posibles vías de colaboración. Inserida nun proxecto do Ministerio de Gobernación de Guatemala para o desenvolvemento dun modelo de intervención con homes condenados por delitos de violencia machista, financiado polo programa Eurosocial+, o obxectivo inicial desta visita era coñecer o programa que, neste eido, desenvolveu en 2004 o grupo de investigación PS1, que coordina a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña, xunto coa Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela. Con orientación de xustiza terapéutica, explica Fariña, este programa foi "pilotado durante seis anos, obtendo excelentes resultados, o que deu lugar a un modelo de intervención baseado na evidencia".

Nas xuntanzas que tiveron lugar ao longo da xornada do xoves na sede da Vicerreitoría, participaron a encargada da Unidad de Género, Multiculturalidad, Juventud y Niñez del Ministerio de Gobernación guatemalteco, Jaqueline Elizabeth Orellana; a xuíza Lisbeth Mireya Batún; o responsable do departamento de psicoloxía do centro penal Granja de Rehabilitación Canadá, Luis Felipe Misteco; e o encargado do departamento de atención xurídica da Granja de Rehabilitación Pavón, Julio Raúl Sánchez. Da delegación de participantes neste proxecto, que reúne expertos e profesionais de Guatemala, Uruguai e Colombia, formaban parte así mesmo a consultora Karen Vargas, a técnica Mar Merita e os expertos de Eurosocial+ Oscar Acevedo e Patricia Vargas. 

Explorar vías de colaboración

Este grupo de expertos e profesionais foi recibido polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, que en primeiro termo lles presentaron o proxecto de especialización Campus Crea. Nesta sesión de traballo participaron tamén a directora da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade, Eva Garea, así como o director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, Xosé Mahou, co propósito de promover, como explica Doval, “un intercambio de boas prácticas e unha busca de intereses común, sobre todo en proxectos educativos de carácter internacional e de cooperación para o desenvolvemento”.

Así mesmo, a xornada de traballo contou coa participación de investigadoras e investigadores do grupo PS1 e da tamén investigadora da USC Mercedes Novo, co propósito de abordar o deseño, obxectivos e impacto dun “programa piloto pioneiro”, como lembra Fariña, que tiña por obxecto guiar un traballo de intervención para a reeducación de  homes condenados por delitos de violencia machista a penas que non implicaban a súa entrada en prisión.