DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio marco, presentado nesta xornada na Vicerreitoría

Universidade e Federación Galega de Piragüismo estreitan vías de colaboración

O obxectivo é xerar sinerxías en ámbitos como a investigación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Institucional
DUVI Pontevedra 31/05/2019

Co propósito de abrir unha vía de colaboración en ámbitos como a investigación ou a organización de actividades, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron un convenio marco de colaboración que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus. “Para nós este é un convenio moi importante”, salientou o vicerreitor, Jorge Soto, quen incidiu na vontade da institución académica de promover colaboracións coa federación en eidos como a investigación ou o fomento “da saúde e das boas prácticas deportivas”, que constitúen, lembrou, un dos eixos do proxecto Green Campus. “Para o avance do noso deporte, para avanzar na preparación cos deportistas, é fundamental contar con convenios coas universidades”, engadiu o presidente da Fegapi, Alfredo Bea, nun acto que contou tamén coa participación dos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Martínez e Pablo Tenreiro.

O desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores e estudantes ou o desenvolvemento de actividades de promoción da práctica do piragüismo entre a comunidade universitaria son algúns dos puntos nos que ambas institucións se comprometen a colaborar neste convenio marco, cunha duración de catro anos. Nese senso, Bea puxo de relevo o interese da federación por “xerar sinerxías” e impulsar “traballos conxuntos entre os universitarios e os nosos técnicos e deportistas” que permitan, por exemplo, “conseguir datos de porque somos un referente neste deporte e tamén melloras que nos permitan seguir avanzando”. Bea lembrou así mesmo que a Fegapi conta cun Centro de Tecnificación próximo ao campus, “no que temos hoxe a algúns dos mellores padexeiros do estado”, polo que esta colaboración podería facer de Vigo, engadiu, “unha universidade de referencia” para aqueles e aquelas deportistas que realicen estudos universitarios. 

“Estamos na mesma liña e en todas aquelas cuestións que teñan que ver co piragüismo galego estaremos ao voso lado”, salientou Soto, quen explicou a Bea o proxecto da Vicerreitoría de instalar no campus dous embarcadoiros e un pañol para gardar embarcacións, co propósito de “promocionar o piragüismo na xente nova e por extensión na cidade de Pontevedra”.