DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto no que participaron UVigo, USC, Adegas Moure e Terras Gauda

A universidade galega alíase co sector do viño e demostra o alto valor do vermicompost de bagazo como biofertilizante

O proxecto contou con máis de 900.000 euros de financiamento de fondos Feder

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/06/2020

“Tras máis de tres anos de traballo fomos quen de demostrar a eficacia da vermicompostaxe na biotransformación dos bagazos de uva albariño e mencía e do bagazo destilado nun potente bioestimulante, así como os beneficios da aplicación deste vermicompost na saúde do viñedo e a vide e na calidade do viño”. Así de rotundo se amosa o catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo Jorge Domínguez, director do Grupo de Ecoloxía Animal, tras a presentación de resultados do proxecto de I+D+i Vitalver, un traballo levado a cabo de maneira conxunta entre as universidades de Vigo e Santiago de Compostela e as bodegas Adegas Moure (DO Ribeira Sacra) e Terras Gauda (DO Rias Baixas).

O principal obxectivo deste traballo foi investigar as posibilidades que ofrecen as miñocas de terra e a vermicompostaxe para a economía circular e a viticultura sostible mediante o desenvolvemento dun ciclo integrado que permitiu converter in situ o bagazo, tanto fresco como destilado, xerado na industria vitivinícola en vermicompost de alta calidade con propiedades bioestimulantes e de defensa da vide. Para isto, contouse cun orzamento global de 917.448 euros, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) con fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020. 

Procesáronse máis de dez toneladas de bagazo

Baixo o liderado científico de Jorge Domínguez e da profesora Marta Lores, catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago (Lidsa-Cretus), procesáronse máis de dez toneladas de bagazo mediante vermicompostaxe. “Este proceso reduciu substancialmente a biomasa inicial e transformouno en vermicompost, un abono orgánico rico en nutrientes, microbioloxicamente moi rico e activo, do que se poden separar facilmente as pebidas”, apunta Domínguez, ao tempo que explica que a separación das pebidas elimina a fitotoxicidade residual asociada aos polifenois no vermicompost. “Ademais, poden procesarse facilmente para obter extractos ricos en polifenois, antioxidantes e aceite rico en ácidos graxos saudables”, explica o catedrático vigués.

Efectos beneficiosos nas vides...

Os efectos do vermicompost nas vides, nas uvas e no viño estudáronse durante varias tempadas de cultivo en catro viñedos de mencía de Adegas Moure: un viñedo maduro con cepas de máis de 25 anos, dous viñedos novos con cepas de cinco anos, e un viñedo con videiras recentemente plantadas. Fixéronse experimentos de biofertilización con vermicompost sólido, líquido e aplicacións de spray foliar, fronte a vides control, abonadas segundo os protocolos estándar da adega. No caso de Terras Gauda seleccionáronse 6,5 hectáreas de viñedo en dúas contornas con características edafoclimáticas diferenciadas, no Rosal e na Cañiza (Valeixe) ás que se incorporou no último ano unha parcela de caíño branco en desenvolvemento que se replantara recentemente. “Unha vez comprobado que a utilización de vermicompost de bagazo de uva mellora a estrutura do chan e favorece a presenza de microorganismos beneficiosos para a saúde da planta, ampliouse o alcance para coñecer o seu efecto como bioestimulante e xerador de defensas naturais”, recalca o responsable científico da investigación.

Nas uvas

Durante o proxecto tomáronse e analizáronse mostras de chan, follas e uvas de máis de 3000 cepas de mencía e albariño. A fertilización con vermicompost e a aplicación do mesmo en forma de spray foliar nas partes aéreas produciu unha diminución das enfermidades causadas por fungos  fitopatóxenos.

... e nos viños

Durante tres colleitas consecutivas elaboráronse 1000 de viño con uvas de cepas abonadas con vermicompost, e 1000 litros con uvas das cepas control. No caso do mencía, as fermentacións foron espontáneas, é dicir, realizadas polos fermentos propios das peles das uvas, e chamou a atención, en palabras de Adrián Rodríguez, enólogo de Adegas Moure, a “explosión aromática no tanque de fermentación do viño experimental”, ao que Evaristo Rodríguez, xerente e director técnico destas adegas, engade que “as diferenzas entre o viño experimental e o viño testemuña son salientables e significativas, incluso máis do que se podía agardar”. Neste sentido, Rodríguez destaca que visualmente, o viño experimental presenta unha maior viveza e mocidade: no nariz preséntase sen reducións, aberto e expresivo, e na boca é profundo, persistente e máis complexo”. En canto ao albariño experimental, o ácido málico foi netamente máis baixo, o que o suaviza e o fai máis amable; e o pH foi inferior, o que indica maior estabilidade no viño. Finalmente, “na cata a cegas das tres colleitas destacou sempre o viño experimental, tanto polos seus aromas como polo seu equilibrio gustativo, untuosidade e lonxitude”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda.

Papel da UVigo…

Desde a Universidade de Vigo,  traballaron a fondo neste proxecto non só o director do  Grupo de Ecoloxía Animal, o profesor Jorge Domínguez, senón tamén  o técnico xefe deste equipo, Alberto Da Silva, e o investigador de posdoutoramento Hugo Martínez. Eles foron os encargados de estudar a vermicompostaxe dos tres tipos de bagazo (o de albariño, o de mencía e o destilado) en vermireactores instalados nas propias instalacións universitarias. Neste senso, realizaron un estudo continuo da dinámica de poboación de miñocas en todos os vermireactores mediante a determinación da densidade, reprodución e biomasa destes animais (adultos, xuvenís e botóns) durante 12 meses desde o seu establecemento. “Grazas a isto temos datos da evolución da poboación de miñocas ao longo destes tres anos de estudo que nos dan unha valiosa información para o correcto funcionamento destes procesos a longo prazo”, explica Domínguez, quen tamén recalca que, unha vez completado o proceso, tamizouse todo o vermicompost que se obtivo.

Por outra banda, estes investigadores foron tamén os responsables de optimizar os métodos de obtención dos test de vermicompost que se elaboraron en depósitos de 500 litros e se aplicaron nos viñedos, así como os de obtención dos sprays foliares que se aplicaron nos mesmo momento que os produtos fitosanitaios nas plantas control dos experimentos.

En canto á realización dos experimentos de biofertilización nos viñedos, realizouse un seguimento continuado das cepas no viñedo mediante a avaliación das condicións ambientais, a fenoloxía, o diagnóstico das follas, a presenza de enfermidades, o contido na clorofilas das mesmas, así como as características físico-químicas e biolóxicas do chan de cada cepa nas parcelas experimentais de todos os viñedos.

… e da USC

A USC traballou nos análises químicos mais complexos, sobre todo na caracterización dos polifenois nos bagazos e nos vermicompost, así como nas uvas e no viño. Todos estos análisis que incluen A evolución dos polifenois e dos aromas dos viños das tres colleitas (2017 a 2019) estudouse nos laboratorios do grupo LIDSA na Facultade de Química, nunha investigación levada a cabo por Marta Lores e o seu equipo. Utilizando técnicas cromatográficas acopladas a espectrometría de masas ( LC-MS/ MS, GC-MS/ MS) analizáronse os principais marcadores polifenólicos e aromáticos en mostras tomadas en oito etapas da vinificación, dende o mosto ata o viño final. Os resultados analíticos das tres anadas confirmaron claramente os matices sensoriais percibidos na cata.

Tamén traballaron na caracterización dos polifenois e dos ácidos grasos das pébedas (sementes) e de fariñas elaboradas tanto con estas pébedas como con as propias miñocas de terra.