DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No proxecto  ’10 Creadoras actuales’’, que desenvolve o grupo  ES2 de Belas Artes

Universidade e Instituto Cervantes de Milán reivindican ás artistas a través da rede 

Cada semana, difunden un vídeo dedicado a unha creadora española

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Igualdade
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/04/2020

No contexto do estado de alarma por mor da crise da COVID-19, que obrigou ao peche de museos e centros de arte, o grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes e o Instituto Cervantes de Milán decidiron sumar forzas para dar visibilidade a través da rede á obra e traxectoria de dez artistas españolas que, sinalan, “resultan fundamentais para entender a arte actual”. Baixo o título de 10 Creadoras actuales. Lugar, cuerpo e identidad, este proxecto difunde cada semana, a través da canle de Youtube do Insitituto Cervantes de Milán, unha serie de vídeos dedicados a unha selección artistas cunha “dilatada traxectoria”, que pola súa “constante implicación en conseguir unha maior visibilidade nos espazos de representación, erixíronse como referentes no panorama artístico contemporáneo e en modelo e espello para as novas xeracións de artistas”.

Xurdido a proposta do Instituto Cervantes de Milán, e enmarcado no seu labor de difusión cultural, no proxecto participan os catedráticos da Facultade de Belas Artes e integrantes do grupo de investigación interdepartamental e interdisciplinar ES2, Antón Castro, Yolanda Herranz e Jesús Pastor, que se responsabilizan da elaboración dos textos e da selección das imaxes coas que logo o instituto elabora as pezas de vídeo que difunden cada sábado. A iniciativa botou en marcha cos vídeos dedicados a Lita Cabellut e Carmen Calvo e, o pasado sábado, á artista galega residente en Londres Ángela de la Cruz. Esther Ferrer, a vindeira fin de semana, Cristina García Rodero, a propia Herranz, Cristina Iglesias, Isabel Muñoz, Paloma Navares e Isabel Rocamora serán as seguintes protagonistas destes vídeos, dedicados todos eles a artistas cunha ampla traxectoria que continúan en activo. 

Reivindicando visibilidade tras séculos de “silencio”

Pertencentes a diferentes xeracións, estas dez artistas foron seleccionadas tamén, ademais de pola súa traxectoria creativa, na que a “mirada de e cara a muller esta moi presente”, polo seu “posicionamento na loita polos dereitos das artistas”, como salienta Herranz, co-directora, xunto a Pastor, do grupo ES2. Nese senso, o texto de presentación de 10 Creadoras actuales lembra que, “como diosas e musas, as mulleres foron desde o comezo dos tempos inspiradoras das distintas disciplinas artísticas”, mais, pola contra, o seu papel como creadoras “viuse relegado ao silencio durante séculos”. Habería que esperar, lembran, á década de 1970 para “asistir á reivindicación da muller como a artista”, mais a pesares dos avances alcanzados desde entón en termos de “profesionalización e visibilidade”, a día de hoxe “a súa presencia en galerías e espazos expositivos segue sendo significativamente menor á dos seus homólogos masculinos”, denuncian.

Percorrido pola vida e obra

A pintura, a performance, a fotografía, a escultura e a instalación están representadas nesta selección de artistas que “forxaron unha coherente e consolidada traxectoria” e que “resultan fundamentais para entender a arte actual”, como salienta Herranz. Cada peza de vídeo, de entre 4 e 5 minutos de duración, responde a unha mesma estrutura, na que abordan o lugar onde reside e traballa, a súa formación, as “claves da súa obra” e a formulación “procesual e conceptual do seu proxecto artístico”, así como achegar algún dato relevante da súa traxectoria, combinando retratos das protagonistas cunha selección de “nove imaxes de obras de diferentes períodos que teñan unha especial significación na súa traxectoria”. Na súa elaboración, explica Herranz, os tres docentes vanse coordinando para achegar “a súa especialidade como investigador”; Castro como historiador e crítico de arte, Pastor como especialista en debuxo, pintura e gravado e Herranz como especialista en pintura, debuxo, escultura e xénero.