DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XI Convocatoria dos Premios á Excelencia Deportiva outorgará catro distincións entre o alumnado

A Universidade premiará o esforzo do alumnado que obtén bos resultados deportivos sen detrimento dos académicos

O prazo para a presentación das candidaturas remata este venres 11 de outubro

Tags
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
DUVI 10/10/2019

Recoñecer o mérito do alumnado que compatibiliza o deporte co estudo e obtén bos resultados. Este é o obxectivo dos premios anuais á Excelencia Deportiva que concede a Universidade de Vigo. Nesta undécima edición galardoarase aos catro alumnos cun mellor rendemento conxunto nos dous aspectos, a traxectoria deportiva e a vida académica, no curso 2018/2019.

Poderá presentar a súa candidatura ao premio todo o alumnado matriculado no curso académico 2018/2019 en grao, mestrado ou doutoramento, que teña participado no 2018 e/ou no 2019 en campionatos deportivos interuniversitarios en representación da Universidade de Vigo ou en competicións federadas. Concederanse un máximo de catro distincións e os premios consistirán nun recoñecemento público mediante diploma acreditativo e a entrega dun premio en metálico. A contía máxima de cada premio será de 500 € e o prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de outubro.

“Cos premios o que queremos é valorar o esforzo que fan os deportistas para compatibilizar os seus estudos universitarios, os seus adestramentos, competicións, etc. Esta loita diaria é moi, moi complexa e aínda hai que dar pasos a nivel de Xunta e universidades para axudalos máis”, explica o técnico de Actividades Deportivas, Alexandre Sanjorge. No pasado curso foron cinco os premios outorgados, a tres mulleres e dous homes, que desenvolven a súa carreira deportivas no piragüismo, o atletismo, a natación e o voleibol.

A entrega de premios, na XXVIII Gala do Deporte Universitario 

Os Premios á Excelencia Deportiva entregaranse no transcurso da vixésimo oitava edición da Gala do Deporte Universitario, un evento que terá lugar no mes de novembro en Ourense. Como cada ano, este acto pretende ser unha cita cos valores deportivos, coa participación, co compañeirismo e a iniciativa, tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral. A gala, organizada dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte, é un acto que reúne a todas as persoas ou colectivos que, dentro e fóra da institución académica, destacan polos seus éxitos nas diferentes competicións e polo seu labor de difusión da práctica deportiva e dos seus valores.