DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudante de Fisioterapia, Jean Marie Okutu participou nas Olimpíadas de Río en 2016

Un universitario con Tokio 2020 no horizonte

No presente curso, a Universidade outorgoulle a mención ao deportista do ano

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/07/2019

Dez veces campión absoluto de España de salto de lonxitude, o atleta Jean Marie Okutu viviu en 2016 en Río de Janeiro a súa primeira participación nunhas olimpíadas. “Foi unha grande experiencia”, recoñece este deportista que, cos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 como principal obxectivo no horizonte, combina os adestramentos e competicións coas aulas da Facultade de Fisioterapia. “Estou collendo moi poucas materias, pero a verdade é que as que vou facendo gústanme, paréceme unha carreira moi interesante”, salienta este alumno, que a comezos de curso era recoñecido na Gala do Deporte da Universidade de Vigo coa mención ao deportista universitario do ano.

Tras realizar o ciclo de técnico superior en Animación  de Actividades Física e Deportivas (Tafad), este deportista marinense decidiu o pasado curso comezar estes estudos universitarios no campus pontevedrés. “Estaba tamén a opción de Psicoloxía, Comunicación Audiovisual, que me gustaba desde pequeno..., tiña unha mestura bastante grande na cabeza e non acababa de telo claro”, recoñece das opcións que barallou antes de decantarse por Fisioterapia. “Sempre me chamou a atención por amigos que son fisioterapeutas e polos profesionais que soen tratarme, admiraba moito o seu traballo e pensei que era unha carreira que podería gustarme”, engade dos motivos que o levaron a decantarse por esta titulación. 

Unha afección que rematou levándoo ás Olimpíadas

Okutu iniciouse no atletismo con 8 anos, “por hobby, indo cun amigo”, e foi probando neses primeiros anos diferentes modalidades, “tanto de cross como de pista”. De feito, explica, “non foi ata os 13 ou 14 anos cando xa comecei a decantarme máis polos saltos”. Pouco despois comezaría a traballar co que é o seu actual adestrador, Javier de Medrano, e a centrarse máis no salto de lonxitude, disciplina que o levou a sumar dez ouros en campionato de España absolutos e a competir en campionatos de Europa, mundiais e nunhas olimpíadas que, recoñece, son “o soño de todo deportista”. 

Integrante desde 2012 do equipo do FC Barcelona, Okutu combina non obstante esta modalidade coa súa participación en probas de velocidade como os 60 e os 100 metros ou a carreira de relevos do 4x100. “Son probas complementarias porque ao final para o salto tes que estar rápido”, explica dunhas modalidades que lle serven como complemento na súa preparación e que axudan tamén “a osixenar un pouco a cabeza e non pasar todo o ano pensando no salto”. Non en van, o salto de lonxitude é unha modalidade na que, nuns poucos segundos, determínase se o traballo de toda unha tempada dá ou non os seus froitos, o que fai da concentración un aspecto clave. “Ao final, iso vancho dando os anos de competición e a xente á que vaste enfrontando e da que vas aprendendo”, recoñece.

A ilusión de volver 

Con 24 anos, Okutu quedouse a cinco centímetros da marca esixida pola federación para poder participar nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, algo que si logrou catro anos despois, cando saltou a distancia esixida na última das probas previas á selección dos representantes de España nesta modalidade. “Estaba nun estado de forma moi bo, pero a marca non saía, ata que o último día puxeron un control en Sierra Nevada” no que finalmente chegou esa marca, relata. “O feito de estar alí e vivir aquilo co resto dos deportistas para min foi o máximo, algo inesquecible”, recoñece Okutu, que á vez admite que os xogos foron tamén "unha experiencia persoal que non asimilei ben de todo ata tempo despois”. Experiencia que non obstante é tamén un dos recordos deportivos que garda con maior agarimo, xunto co sétimo posto que en 2009 logrou no Europeo sub23. “Saíume un campionato moi bo, quedei a catro ou cinco centímetros da medalla pero non me importou, era a época na que ía a competir, divertíame e non pensaba en nada máis”, lembra.

Aínda que, admite, “cada ano empezas de cero e tes os teus pequenos obxectivos”, este deportista e alumno recoñece tamén que a súa ilusión “é volver aos Xogos Olímpicos e gozar desa experiencia”. Así, a súa preparación irá orientada á acadar á marca mínima que lle permita optar a ser un dos seleccionados, un obxectivo que Okutu ve factible. “Estou concienciado e seguirei adestrando co obxectivo da marca”, sinala.

Da pista ás aulas

Pese a que a preparación implica xornadas de máis de cinco horas de adestramento, Okutu tenta compaxinar a faceta deportiva coa académica. “O primeiro ano custoume, era todo novo e non tiña xa o hábito de estudar e este ano seguiume custando, pero a verdade é que algo que me gusta”, salienta este estudante, que ve na fisioterapia deportiva un posible campo de traballo unha vez toque retirarse das pistas. Do mesmo xeito, a súa chegada ás aulas universitarias levouno tamén a vivir, en 2018, a súa primeira experiencia nun Campionato de España Universitario, que saldou cunha medalla de ouro. “Facíame ilusión ir e aínda por riba gañei, pero o que máis me gustou foi a convivencia, a verdade é que é un campionato diferente”, recoñece dunha experiencia que non puido vivir de novo neste 2019.