DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A clasificación destaca o papel da institución como promotora de alianzas para acadar os ODS

O THE University Impact Rankings 2019 recoñece a implicación da Universidade na consecución dos obxectivos da Axenda 2030 

Participaron case 500 universidades de preto de 80 países 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/04/2019

Inmersa na revisión das súas políticas e accións, co propósito de aliñalas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 da ONU, a Universidade de Vigo, considerou, segundo explica o director da súa Área de Responsabilidade Social e Cooperación, Xosé Mahou, que a mellor forma de iniciar ese proceso era contando cunha diagnose da situación actual. Esta foi a razón pola que a institución académica viguesa decidiu participar no THE University Impact Ranking 2019, a clasificación elaborada por primeira vez por Times Higher Education, co obxectivo de medir o impacto das universidades na sociedade, a través da súa implicación na consecución dos ODS da Axenda 2030.  

“Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación consideramos que a utilidade deste ránking non radica só nos resultados, como na información que nos traslada sobre aqueles ámbitos nos que é preciso mellorar e nos que temos que centrar maior atención. De todos modos, os resultados son francamente positivos en liñas xerais e excelentes nos ODS 17 (Alianzas para lograr os Obxectivos), 8 (Traballo digno e Crecemento Económico) e 13 (Acción polo Clima)”, explica Mahou en relación con esta clasificación que analizou preto de 500 universidades de 76 países. “O ránking avalía 11 dos 17 ODS, e para poder participar no ránking xeral era obrigatorio tomar parte no ODS 17 e noutros tres obxectivos, aínda que tamén se podía participar en ODS individuais. Na Universidade de Vigo optouse por participar en todos os obxectivos, porque así nos serviría de diagnose externa”, sinala David Basalo, coordinador da Unidade de Análises e Programas da Universidade de Vigo.

Resultados “excelentes” nos ODS 17, 8 e 13 

Se no global do ránking, a Universidade de Vigo aparece no tramo comprendido entre os postos 101 e 200, a institución académica acada o mellor rexistro no ODS 17 (Alianzas para lograr os Obxectivos) cun posto 38 do total de 487 universidades avaliadas. “Un moi bo resultado que, en todo caso, agardabamos, dado o papel que ten a Universidade como promotora e articuladora de alianzas coa participación de diferentes actores, tanto públicos como privados”, sinala Mahou, para quen este resultado evidencia o rol de institución pública xeradora de coñecemento e de innovación tecnolóxica de alto valor, que redunda na comunidade. 

En relación co ODS 8 (Traballo digno e Crecemento Económico) e  co 13 (Acción polo Clima), a Universidade de Vigo acada o posto 52 dun total de 291 universidades, no primeiro caso, mentres que no segundo obxectivo sitúase no posto 54 dun total de 257 institucións avaliadas neste ODS. “En relación co ODS 8, a Universidade dispón dun traballo regulado, os dereitos laborais están protexidos, a contorna de traballo é segura, etc. Polo tanto, bos resultados se nos comparamos con outros sectores que se atopan baixo unhas condicións de traballo moito máis adversas”, explica Mahou, que no caso do obxectivo relativo á Acción polo Clima (ODS 13), considera que é froito das accións postas en marcha nos últimos anos sobre aforro enerxético, sensibilización da comunidade universitaria ou aposta polo transporte público ou o coche eléctrico. Pola súa banda, Basalo engade neste último obxectivo que “os bos resultados tamén veñen porque temos docentes e investigadores dedicados a temas de cambio climático con gran repercusión internacional”, explica. 

Un cambio de paradigma 

Neste ránking, no que as universidades de Auckland (Nova Zelandia); a Canada’s Mc Master University e a University of British Columbia, acadan os tres primeiros postos e no que participaron outras 17 universidades españolas, a institución viguesa tamén acadou o posto 70 de 274 universidades no ODS 16 (Paz, Xustiza e Institucións); o 76 de 293 no ODS 11 (Cidades e Comunidades Sostibles) e o 77 de 226 no ODS 12 (Produción e Consumo Responsable). No caso dos ODS 9 (Industria, Innovación e Infraestruturas) e 5 (Igualdade de Xénero), Vigo situouse no tramo entre as 101 e 200 universidades; mentres que no caso dos ODS 3 (Saúde de Benestar) e 4 (Educación de Calidade) quedou no tramo 201-300 e xa por último no ODS 10 aparece por riba do posto 201.

“Temos por diante moito traballo. A aplicación da Axenda 2030 na universidade non supón unicamente intentar aliñar as nosas accións cos 17 ODS, tamén supón un cambio de paradigma e, mesmo, de mentalidade. Se ben, temos unha boa posición relativa naqueles ODS relacionados coa investigación ou a docencia, estamos traballando naqueles aspectos vinculados coas persoas e a nosa contorna, tales como cooperación ao desenvolvemento, a igualdade de xénero, saúde e benestar...”, detalla Mahou.

Xapón cun total de 41 institucións é o país con maior representación neste ránking, no que USA ocupa o terceiro posto e Rusia o terceiro. Pola súa banda, a Universitat Pompeu Fabra é a mellor clasificada das institucións académicas españolas, ocupando o posto 29 da clasificación xeral.