DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra artística, co gallo do 10º aniversario do observatorio, inaugúrase mañá 

O universo máis cotián amósase desde este martes no concello de Forcarei

As pezas, realizadas con materiais reciclados, denuncian o nivel de estrago da humanidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Divulgación
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/12/2019

13 pezas integran a mostra O universo cotián que este martes 10 de decembro se inaugurará na  casa do Concello de Forcarei. “Son 13 obras variadas realizadas con técnicas diversas, empregando en moitos casos materiais reciclados e de refugallo e asemellando elementos cunha conexión astronómica, ás veces sutil e outras manifesta, pero que en xeral podemos atopar ou integrar na nosa vida cotiá”, explica Ana Ulla docente e investigadora da Universidade de Vigo, que financiada a realización e posta en marcha da mostra, organizada co gallo dos actos conmemorativos do 10º aniversario do Observatorio Astronómico de Forcarei e do centenario da Unión Astronómica Internacional. A propia Ana Ulla, xunto á docente Carmen Villar, coordinan a mostra, que integra obras que combinan arte e ciencia  “nunha proposta algo sorprendente, froito dun proxecto experimental onde aplicamos principios básicos de traballo, interacción e investigación conxunta no ámbito universitario”, detalla a astrofísica, que destaca a contribución á mostra do catedrático da Universidade de Vigo Juan Fernando de la Iglesia coa obra Máquina para calcular as órbitas lunares

Un bonito peche para dez anos de traballo

Sopa cósmica, El cazador, Blue Moon Borealis, Latido, Vía plástica, As tripas do Sputinik ou Brillo da lúa, son os títulos dalgunhas das obras que forman parte desta mostra que se poderá visitar ata o vindeiro 27 de decembro e que Ulla considera “un bonito broche de peche para estes dez anos de traballo que, ademais de nos brindar a oportunidade de visitar Forcarei, esperemos que nos faga reflexionar aínda un pouco máis sobre o nivel insostible de estrago e refugallo que a humanidade está a manter e que de ningún xeito pode seguir así”.

Logo de 10 anos de existencia, o Observatorio Astronómico de Forcarei, que xestiona a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, suma centos de actividades educativas, culturais, científicas e de fomento da investigación nas que participaron milleiros de persoas. “Con moito esforzo, con moita vontade, con moito empeño todos estes anos, penso que o observatorio é hoxe, dentro das súas posibilidades, un referente na divulgación científica e na difusión do coñecemento astronómico de Galicia”, sinala Ana Ulla. Cara o futuro, a astrofísica confirma a intención das persoas que nel traballan de seguir mellorando ao tempo que lembra que “a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3) que xestiona o observatorio é moi modesta en termos de recursos económicos, pero conta co respaldo institucional e loxístico da Universidade de Vigo, do Concello de Forcarei e da Asociación Astronómica, que creceron no proxecto desde o principio, e polo tanto é rica en posibilidades para seguir avanzando na consecucións dos fins fundacionais”, sinala Ulla.