DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de setembro

A UVigo premiará os mellores TFG e TFM sobre a Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social

Concederanse seis galardóns nas diferentes áreas de coñecemento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 14/09/2020

A Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo ten convocada a segunda edición dos premios ao mellor traballo fin de grao ou traballo fin de mestrado en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social corporativa no curso académico 2019/2020. A convocatoria ten como obxectivo o recoñecemento dos traballos fin de estudos realizados por alumnado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes nestas temáticas.

A convocatoria outorgará seis galardóns repartidos entre as diferentes ramas de coñecemento: un en Artes e Humanidades, outro en Ciencias e Ciencias da Saúde, dous en Ciencias Sociais e Xurídicas e outros dous en Enxeñaría e Arquitectura. A contía máxima do premio será o importe dos prezos públicos por servizos académicos dos estudos de grao, máster ou doutoramento da UVigo dos que se matricule o alumnado no curso 2020/2021 ata o esgotamento do crédito respectando a orde de prelación resultante en cada rama unha vez realizadas as bonificacións e exencións que lle sexan aplicables. Tamén se lles outorgará a cada premiado un diploma. O prazo de presentación de solicitudes, que se realiza de forma telemática, está aberto ata o 21 de setembro de 2020.

Requisitos

Para poder participar nesta convocatoria o alumnado deberá cumprir certos requisitos. O primeiro, ter superado o TFG ou TFM durante o curso 2019/2020 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual ou superior a 8,5 puntos. O segundo, que a temática do traballo estea relacionada coa Axenda 2030, coa cooperación ao desenvolvemento ou coa responsabilidade social corporativa. 

No caso da Axenda 2030, serán válidos traballos relacionados cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible: a fin da pobreza, a fame cero, a saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero, a auga limpa e o saneamento, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e o crecemento económico, a industria, a innovación e a infraestrutura, a redución das desigualdades, as cidades e comunidades sostibles, a produción e o consumo responsables, a acción polo clima, a vida submarina, a vida de ecosistemas terrestres, a paz, a xustiza e as institucións sólidas e as alianzas para acadar os obxectivos.

No que se refire á cooperación e ao desenvolvemento, o traballo poderá tratar temas como a cooperación financeira ou técnica, a axuda alimentaria ou humanitaria, os principios e fundamentos xurídicos, a política e a xestión, a cooperación e a muller, os dereitos humanos, as oenegués e outros actores da cooperación e a cooperación empresarial ou universitaria. Por último, dentro da temática da responsabilidade social corporativa poderán tratarse temas como as políticas públicas inclusivas e para a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade no emprego público, a definición de valores públicos, a actuación responsable, o código ético e o deseño de plans de voluntariado nas organizacións públicas e privadas ou a mellora nas xestión de prevención de riscos laborais. 

Na valoración das propostas presentadas, a comisión encargada de facela terá en conta que a temática do traballo estea claramente vencella coa Axenda 2030, a responsabilidade social e a cooperación ao desenvolvemento. Tamén se revisará o seu plan de traballo (obxectivos, preguntas, instrumentos de recollida e medición de datos, etc), a integración de contidos pluridisciplinares e o grao de aplicabilidade.