DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana en Compostela, na feira Innovacarretera e na 30ª Semana da Carretera

A UVigo visibiliza ante as empresas os seus últimos avances de I+D+i en infraestruturas do transporte

O Grupo de Tecnoloxías Aplicadas expuxo os resultados dos proxectos SafeWay, Sirma e Topacio

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
D.Besadío DUVI 30/10/2019

A Universidade de Vigo, a través neste caso do Grupo de Investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, está a participar esta semana en Santiago de Compostela en dous encontros empresariais nos que se presentan os últimos avances e os principais retos aos que se enfronta o sector das estradas a medio e longo prazo:  desde o modelo de xestión e conservación da rede ata a redución de cifras de accidentalidade, pasando por como lograr unha mobilidade eficiente e sostible... Falamos da feira Innovacarretera e a 30ª Semana da Carretera, eventos nos que participan especialistas chegados de toda España e do resto de Europa, entre eles os docentes e investigadores vigueses Joaquín Martínez, Mario Soilán e Pedro Arias.

“A nosa participación nestes eventos vainos permitir dar visibilidade aos traballos que se están a facer dende a UVigo máis aló das canles científicas habituais e onde xa temos unha traxectoria consolidada”, explica Pedro Arias, coordinador do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, quen fai tamén fincapé en que “este tipo de accións poden contribuír a ver a Universidade como un centro de referencia nun sector novo e de gran proxección, como é o das infraestruturas do transporte”.

Tres proxectos e varios millóns de euros de financiamento

Os principais proxectos nos que está a traballar na actualidade a Universidade de Vigo relacionados con estas temáticas e que se presentaron na feira son: Safeway, proxecto colaborativo da convocatoria europea H2020 coordinado pola propia UVigo; Sirma, da convocatoria Interreg Espazo Atlántico, e Topacio, da convocatoria ConectaPeme. No caso de Safeway, financiado con 4,5 millóns de euros, busca a creación dunha rede europea de estradas e infraestruturas ferroviarias máis seguras. Posto en marcha hai apenas un ano –está no mes 14 dun total de 42 de duración estimada-, o equipo responsable deste proxecto conseguiu xa mapear os eventos extremos máis recorrentes de carácter anual para o continente europeo e, xunto con isto, definiron as principais metodoloxías para estimar o risco e cuantificar a vulnerabilidade das principais infraestruturas a eventos extremos, tanto naturais como aqueles provocados pola acción humana.

O proxecto Sirma (Reforzo da xestión de riscos asociados a infraestruturas no espazo atlántico) está participado por unha decena de socios que traballan no desenvolvemento de ferramentas robustas para mitigar os riscos que afectan ao desempeño das infraestruturas por mor dos eventos naturais extremos e procesos de corrosión derivados da proximidade do océano Atlántico. Para iso, o proxecto, que conta cun orzamento total de dous millóns de euros, implementará medidas a curto, medio e longo prazo, aumentando a resilencia das infraestruturas. 

No caso do proxecto Topacio, financiado con preto de 800.000 euros, a iniciativa une a catro empresas, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo e un centro tecnolóxico co obxectivo de desenvolver un sistema de información que, empregando tecnoloxías baseadas en satélites de observación e sistemas aéreos non tripulados, permita obter información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións.