DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está organizada polo Club Natación Escualos Campus da Auga

A V Travesía Encoro Os Peares a Nado celebrarase o 16 de xuño

Entre as novidades está a celebración do I Clínic Natación Augas Abertas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/05/2019

O Club de Natación Escualos Campus da Auga presentou este luns no campus de Ourense o V Encoro Os Peares. Travesía a Nado, que se celebrará o 16 de xuño nos Peares. A cita, explicou Fernando Troncoso, presidente do club de natación, supón “o único evento de augas abertas como tal que hai na provincia de Ourense”.

Sobre a competición, o seu responsable salientou como “o crecemento que tivo nestes cinco anos foi espectacular grazas ao equipo de persoas que o fan posible”. O presidente do Club de Natación Escualos Campus da Auga lembrou como a iniciativa naceu “de 15 amigos” e como na súa última edición contou coa  participación de arredor dun centenar de persoas, incluído nadadores da selección española de augas abertas. Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, fixo fincapé na presentación do evento non só no traballo de fomento do deporte que realiza o club organizador senón tamén na súa especial sensibilidade con diferentes causas solidarias, realizando diferentes accións neste senso ao longo de cada tempada.

O V Encoro Os Peares constará de tres probas: unha infantil, de 200 metros; unha corta, o Trofeo Campus da Auga, de 1200 metros, que será unha volta ao circuíto, e unha longa, Trofeo Os Peares, de 3600 metros, que puntúa no circuíto de augas abertas. Como novidade, o 2 de xuño, ás 11.00 h, e no marco desta actividade o club organizador desenvolverá o I Clínic Natación Augas Abertas. A actividade consiste nunha sesión teórico-práctica de mañá e unha práctica de tarde a cargo de Jesús Carlos Quintas, “experto nadador en augas abertas, participante en travesías de longa distancia”, segundo explican desde a organización. Esta sesión de adestramento é gratuíta e aberta a todo as idades e públicos e terá como finalidade “coller confianza en augas abertas”. Outras novidades desta edición, explicouse na súa presentación, é a posta a disposición das e dos participantes no V Encoro Os Peares  dun servizo de ludoteca en inglés de balde coa colaboración da empresa Peares Inmersión Lingüística.