DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar do 1 ao 7 de xullo no campus de Ourense

O VI Torneo Internacional de Xadrez contará coa participación de 80 xogadores e xogadoras de oito países

Entregaranse 6000 euros en premios

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/06/2019

80 xogadores e xogadoras de oito nacionalidades, entre eles doce mestres, daranse cita no VI Torneo Internacional de Xadrez, que se celebrará do 1 ao 7 de xullo no campus de Ourense baixo a organización do Club Xadrez Ourensán Universitario e a Área de Benestar, Saúde e Deporte. Entregaranse 6000 euros en premios.

Na presentación da cita, que conta coa colaboración do Concello, a Deputación e a Delegación de Deportes da Xunta en Ourense, Ana María Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou como a institución académica “está especialmente orgullosa deste evento”. Así, destacou tanto o éxito de participación que acada en cada edición como o feito de que este deporte comparte “moitos valores e principios da universidade”. Pola súa banda, Rodrigo Alberte Pivida, responsable da  Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, subliñou como esta iniciativa naceu coa aspiración de ser “un digno sucesor” do xa desaparecido Torneo Internacional de Xadrez As Burgas. O certame, indicou, ten entre os seus atractivos ofrecer a xogadoras e xogadores ourensáns a oportunidade de competir en persoa con xadrecistas de prestixio de arredor de oito nacionalidades.

12 mestres     

Lino Hermida, director do torneo e presidente do Club Xadrez Ourensán Universitario, animou á participación no certame recalcando como o VI Torneo Internacional de Xadrez “é un torneo de Ourense e dos ourensáns”. Ademais, fixo fincapé no feito de que este ano é a única competición da provincia que puntúa para Elo. Coa inscrición aínda aberta, desde a organización sinalan como nesta edición agardan contar con 80 inscritas e inscritos procedentes de países como Rusia, Cuba, Uzbekistán, Francia, Romanía e Letonia, ademais de ter unha destacada participación de España e Portugal. Entre as e os participantes, apuntou Lino Hermida, estarán 12 mestres, cinco deles grandes mestres. Así, competirán no pavillón de deportes do campus de Ourense nomes como Marius Manolache, Vladimir Petkov, Vladimir Lazarev, Ilmars Starostits, Anda Safranska, Arian González, Luis Marcos Medarde, Rafael Rodríguez, Diego Guerra, Marcial García, Fernando Sánchez e Jose Oliveira Gaspar Dias.

O torneo será válido para Normas Internacionais de Xadrez, Elo Fide e Elo Feda. Disputarase polo sistema suízo de nove rondas e as sesións serán todos os días a partir das 17.00 h, agás a segunda, a quinta e a novena ronda, que comezará ás 10.00 h. A cadencia de xogo será de 90 minutos por xogador, aos que se lle engadirán 30 segundos por cada xogada realizada.