DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, Campus do Mar é un dos parceiros

Vigo acolle a xuntanza dos socios do proxecto Ecomar

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 04/12/2019

Os países de América Latina e o Caribe concentran arredor do 40% da biodiversidade do planeta. Pero pese a ser unha das rexións cos sistemas socio-ecolóxicos mariño-costeiros máis diversas do mundo, existen importantes eivas no que se refire ao coñecemento científico sobre estes servizos ecosistémicos. Neste contexto, a rede Ecomar reúne persoal investigador de nove países de Europa e Latinoamérica para promover e fomentar a investigación e a cooperación científico-técnica relacionada coas áreas naturais protexidas que permitan mellorar a xestión das áreas a través de diferentes mecanismos e ferramentas.

A rede, que se reuniu esta semana no campus de Vigo, está composta por 70 investigadores de universidades e centros de investigación de España, Portugal e varios países do centro e o sur do continente americano e conta co financiamento do programa CYTED. A Universidade de Vigo está representada polo Campus do Mar neste proxecto, no que están tamén a Universidade da Coruña, a de Aveiro, o Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (IMEDEA), o Instituto de Ciencias del Mar de Barcelona, o Centro de Investigación Científica y de Educación Superior de Ensenada de México, a Pontificia Universidad Católica de Chile, a Universidad del Magadalena de Colombia, o Instituto del Mar del Perú, a Universidad Federal del Río Grande del Norte de Brasil, o Instituto Oceanográfico de Venezuela, a Fundación Lonxanet con sede na Coruña e a Universidad San Francisco de Quito, en Ecuador.

Na xuntanza que tivo lugar esta semana no Edificio de Ciencias Experimentais e na que participaron investigadores de España (UVigo, USC, ICSEM, IMEDEA-CSIC), Portugal (Universidade de Aveiro),  Chile,  México (CICESE) e Colombia (Universidad de los Andes e Universidad de Santa Marta) tratouse de avanzar sobre as tarefas propostas e comunicar os resultados acadados ao longo do ano. Entre outros temas, analizaron o estado dos servizos ecosistémicos mariño en Iberoamérica e o seu futuro, un estudo que se plasmará nun artigo científico da rede Ecomar.