DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado este xoves en diferentes instalacións de Pontevedra

Vigo logra vence en sete das doce competicións do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

A UDC venceu en tres modalidades e a USC en dúas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 06/03/2020

A Universidade de Vigo foi a gran triunfadora do XXIII Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, disputado ao longo deste xoves en diferentes instalacións deportivas de Pontevedra. Os equipos da institución académica lograron a vitoria en sete das doce competicións disputadas nun torneo no que decidíase tamén a clasificación á fase final do Campionato de España Universitario. Concretamente, os equipos da institución viguesa impuxéronse aos das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña nas competicións de balonmán feminino e masculino, baloncesto masculino, fútbol feminino, rugbi 7 masculino, fútbol sala feminino e voleibol masculino.

34 equipos, integrados por preto de 500 alumnos e alumnas das tres institucións académicas participaron na competición organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo e que, coa colaboración do Concello de Pontevedra, desenvolveuse de xeito simultáneo en cinco instalacións deportivas da cidade. Coa excepción de fútbol e balonmán feminino, as competicións foron triangulares entre os equipos que representaban ás tres universidades. Ao non celebrarse neste 2020 un Campionato Interautonómico, a universidade gañadora en cada modalidade acadaba neste torneo o dereito a participar na fase final do Campionato de España, aínda que, como explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, a súa participación final dependerá dos requisitos que fixe cada institución académica. 

Vigo levanta sete trofeos

O Pavillón Municipal de Deportes acolleu este xoves as competicións de balonmán masculino e feminino, que se saldaron co triunfo dos equipos da Universidade de Vigo, integrados ambos por alumnado do campus pontevedrés. O masculino derrotou por 32-22 á UDC, segundo clasificado, e a por 29-17 á USC; mentres que o feminino só tivo que medirse ao equipo compostelán, ao que superou por 48-30. No Pavillón Universitario tiveron lugar os encontros de baloncesto, onde o equipo masculino, integrado tamén por estudantes do campus, alzábase co trofeo autonómico tras superar por 66-41 a Santiago e por 68-41 á Coruña. Non tivo tanta sorte o equipo feminino, que perdeu por 53-51 co equipo da USC, que se proclamou campión galego tras superar ambos conxuntos ao da UDC. 

Outro dos éxitos da Universidade de Vigo chegou no fútbol sala feminino, no que as xogadoras viguesas lograron o título autonómico na quenda de penaltis, tras empatar a un o seu partido ca UDC e derrotar ambos equipos por 3-0 á USC. No caso do fútbol sala masculino, Santiago foi a vencedora, rematando o equipo vigués en terceiro lugar. Estes partidos disputáronse no Pavillón Multiusos da Xunqueira, onde Vigo sumou tamén o ouro en voleibol masculino tras derrotar o equipo integrado por xogadores do campus vigués á USC por 2-0 e á UDC por 2-1. Na competición feminina, a vitoria foi para a Universidade de Santiago. 

Outro dos triunfos da Universidade de Vigo chegou no fútbol feminino, modalidade na que só participaron Vigo e A Coruña, nun partido que as viguesas gañaron por 3-0. No caso do fútbol masculino, a UDC proclamouse campioa tras derrotar por 7-0 a Vigo e por 5-0 a Santiago. Estes partidos disputáronse nos campos de A Xunqueira, mentres que en Monteporreiro competían os equipos de rugbi 7. Alí se alzou co título autonómico o equipo masculino da Universidade, integrado por estudantes do campus ourensán, tras superar por 20-0 á USC e por 10-7 á UDC. A Universidade da Coruña, por outra banda, acadou a vitoria na competición feminina, na que Vigo foi terceira.