DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A páxina está realizada polo Grupo de Enxeñaría Física da Universidade

Unha web amosa a estimación a dous días vista de casos de contaxios por Covid-19

A previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95% segundo os seus responsables

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 23/03/2020

O Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo ten en marcha unha páxina web na que se pode consultar a súa predición a dous días vista de casos de contaxio de COVID-19 tanto en Galicia como no conxunto de España baseándose nos datos proporcionados diariamente polo Ministerio de Sanidade. A través de sinxelos gráficos, as persoas interesadas poden coñecer cada día a evolución da cifra de persoas contaxiadas por coronavirus e a estimación da mesma para os seguintes días que fan os investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

“Decidín pór en marcha esta web ante a necesidade que hai de seguir a evolución da enfermidade”, explica Humberto Michinel, catedrático da Universidade de Vigo e responsable da iniciativa. Na ferramenta habilitada, indica, “cada día publicamos a previsión da acumulación de casos de da COVID-19 para os dous días seguintes e vamos axustándoa a medida que vai evolucionando”. Axustándose a esta marxe temporal, comenta o director do Grupo de Enxeñaría Física, “a previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95%. Obviamente, unha previsión a un período maior sería menos exacta”.

Actualización diaria

Respecto á metodoloxía empregada, Humbero Michinel detalla como cada día recollen “os datos consolidados de infectados por COVID-19 ás 21.00 h (e subministrados polo Ministerio de Sanidade ás 13.00 h do día seguinte) e se procede a facer un axuste non lineal baseado na denominada curva de Gompertz, usada habitualmente como modelo sinxelo para o estudo da propagación de epidemias, entre outros temas”. Este axuste, apunta, corríxese diariamente en función da evolución dos datos oficiais e faise a nova predición a dous días vista empregando a función de Gompertz. Esta información materialízase para as e os usuarios da páxina web creada en dous gráficos de barras, un referido a Galicia e outro a España, que se publican diariamente ás 14.00 h. 

Como exemplo, a gráfica publicada o domingo 22 de marzo recolle a evolución de contaxios en Galicia e España ata a noite do 21 de marzo, 915 casos no primeiro ámbito xeográfico e 28.572 no segundo. Tamén indica as estimacións que fai o Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo para o día seguinte (1113 casos en Galicia e 33.357 casos en España) e para dous días despois (1351 e 38.445 casos respectivamente).

A idea de pór en marcha esta ferramenta, indica Humberto Michinel, xurdiu tendo en conta que unha das liñas de investigación “desde hai anos” do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, antes denominado Grupo de Óptica Física, “é a dinámica non lineal, que se dá en problemas moi variados, desde o estudo dos tsunamis ou as crises da bolsa ao caos ou a propagación de enfermidades, entre outros moitísimos fenómenos”. A páxina, sinala o catedrático, comezouse a desenvolver o día 17 de marzo, “cando o ministerio regularizou a publicación de informes e datos”, e “agardamos que pronto poida deixar de publicar resultados”, amosando o seu desexo de que esta crise se solucione o máis axiña e do mellor xeito posible.