DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo grupo ComTecArt, ‘Ponte Veteri’ propón unha ruta polo casco histórico

Xa é posible viaxar á Pontevedra medieval cun videoxogo nacido na Universidade

A iniciativa enmárcase na conmemoración do 850 aniversario do foro da cidade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • TIC
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/02/2020

No marco das iniciativas impulsadas pola Concellería de Memoria e Patrimonio Histórico co gallo da celebración do 850 aniversario da concesión do foro á cidade de Pontevedra, o grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), desenvolveu Ponte Veteri, un videoxogo que propón un percorrido pola Pontevedra medieval que xa é posible descargar a través de Play Store. Integrantes deste grupo de innovación, que agrupa a docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, presentaron este xoves, xunto con concelleiro Xaquín Moreda, unha aplicación que levará aos xogadores e xogadoras a ir resolvendo unha serie de “minixogos” ao tempo que percorren diferentes rúas do casco histórico da cidade.

A aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro, está ambientado en seis escenarios que se corresponden con seis das confrarías existentes na Pontevedra medieval e nos que os xogadores deberán ir superando os diferentes “minixogos” co propósito de avanzar na trama do xogo e descubrir o seu enigma final. Trátase nese senso dun “xogo bastante complexo, no sentido de que non é lineal totalmente”, explicou o profesor da EE de Telecomunicación Antonio Pena, na presentación celebrada na praza da Ferraría. Deste xeito, o funcionamento do xogo baséase en “conseguir unhas claves que están encriptadas”, superando os diferentes minixogos propostos, co propósito de “intentar resolver o enigma final”, engadiu este docente. Xunto a Pena, participaron na presentación de Ponte Veteri o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Luis Fernández e a egresada deste centro Ariadna Cordal, integrantes dun equipo de traballo que completaban a profesora Beatriz Legerén, os egresados da EE de Telecomunicación e da Facultade de Belas Artes David Conde e Daniel Malvido, e a desenvolvedora Olaia Ferrando, responsable da dirección de arte.

Un xogo que leva a camiñar pola cidade

“O videoxogo nace orientado expresamente para alumnado, mais pensamos que é interesante para todo tipo de públicos”, salientou Moreda, que destacou que esta aplicación supón “unha nova opción para percorrer a cidade”, xa que articulase en torno “a un roteiro circular que fisicamente nos leva polas rúas da Pontevedra do século XXI e virtualmente trasládanos ás rúas do século XII”. Co personaxe de Lorichol como guía, as e os participantes deberán ir desencriptando as diferentes claves para intentar resolver un enigma “relacionado coa concesión do foro para a cidade, que está en perigo durante todo o xogo”, explicou Pena. 

O propósito de Ponte Veteri, salientaron os seus responsables, é achegar aos xogadores e xogadoras, dun xeito lúdico, pero con rigor histórico, á historia medieval da cidade. De feito, insírese nas propostas que o grupo ComTecArt desenvolveu para a Concellería de Patrimonio Histórico con motivo da conmemoración do 850 aniversario da concesión do foro á cidade, xunto cunha unidade didáctica para traballar nas aulas de primaria e secundaria contidos históricos relacionados con Pontevedra e unha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo no século XVII. Esta formou parte da exposición O segredo da Ponte do Burgo, que ata comezos de febreiro puido visitarse no Pazo da Cultura.