DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes da titulación presentaron os seus proxectos ao consultor Xosé Manuel Barreira 

Unha xornada conecta ao alumnado de Comunicación Audiovisual coa vida real na industria

A actividade abriuse conferencia sobre as oportunidades nos novos mercados

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/02/2020

Achegar o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual á “vida real da industria”, aos cambios que se están a producir no mercado audiovisual e ás oportunidades de traballo que poden existir para eles e elas en diferentes ámbitos son os algúns dos obxectivos da xornada de promoción de proxectos TFG que este luns se desenvolveu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O consultor Xosé Manuel Barreira, que ao longo da súa traxectoria ocupou postos directivos en Mediaset, na TVG, en Filmax e no Grupo Voz, abriu esta actividade tratando de achegar ao alumnado “algúns parámetros xerais” dunha industria “en movemento, que está cambiando”. Tras este coloquio, Barreira mantivo un encontro con diferentes estudantes, co propósito de coñecer e analizar con eles e elas os seus proxectos persoais.

Organizada polos docentes Fortunato Rodríguez, Ana Dopico e Xabier Rolán, a xornada abriuse cun coloquio no que Barreira lembrou en primeira instancia que a base da industria audiovisual non é outra que a de “contar historias”, de tal xeito que “canto te enfrontas a un proxecto audiovisual a primeira pregunta que tes que facerte é que queres contar”, subliñou. Neste senso, este profesional, que formou parte do equipo fundacional da TVG, foi director da división audiovisual de Filmax ou responsable do canal CincoMás de Mediaset, lembrou aos e ás asistentes que o audiovisual é un sector no que “temos que facer prototipos constantemente”. En contraposición con outras industrias, “como a da automóbil, que se fan un modelo que ten éxito, fabrican copias e copias”, o audiovisual esixe “estar moi pendentes do que son as correntes e as tendencias, que cada vez son máis cambiantes”, de tal xeito que aínda que “os xéneros vanse alternando e repetindo no tempo”, é preciso, lembrou, ir actualizando “o modo no que se contan esas historias”.

O problema non é facer, senón dalo a coñecer

Un dos obxectivos que Barreira perseguía neste coloquio era abordar co alumnado, a través das diferentes preguntas que foron formulando, “a diferencia entre o que viven aquí, nun período formativo, e o que é a industria real”, xa que, sinalou, a formación que obteñen na facultade “dálles unha base para poder traballar, pero non é unha garantía de traballo”. Deste xeito, este profesional, que actualmente exerce como consultor independente, puxo o foco na importancia de “estar en contacto” cunha industria cambiante, marcada nestes tempos polas posibilidades que as novas plataformas dixitais outorgan á audiencia de consumir “o que quero, onde quero e cando quero”. Deste xeito, as audiencias poden na actualidade “escoller entre un mundo inmenso de posibilidades”, o que á súa vez provocou “que se consuma máis audiovisual que nunca”, nun momento no que “está mudando o sistema de producir, distribuír e consumir” e no que a televisión, "no sentido vello do termo, non é que estea en decadencia, pero si que está cambiando".

Nese senso, Barreira puxo de relevo a importancia que o márketing ten no actual contexto, “nesta industria máis que en ningunha outra”. Fíxoo lembrando unha entrevista realizada hai anos polo director Carlos Saura, “que dicía que cando el empezou, o asunto era facer películas, mentres que agora o problema non é facer a película, senón que se enteren de que a fixeches”.  

A partires destas consideracións, a xornada completouse cun encontro con estudantes que presentaron unha serie de proxectos audiovisuais e cos que Barreira, nunha consultoría personalizada, abordou con eles desde o seu enfoque ou viabilidade a como e onde, chegado o momento, poderían presentalos.