DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será na Facultade de Dereito os días 29, 30 e 31 de maio

Unhas xornadas analizarán a necesidade de transformar a xustiza en clave de xénero

Contarán coa participación de especialistas de seis universidades

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 07/05/2019

Os días 29, 30 e 31 de maio a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a celebración das I Xornadas Feminización e Xustiza, dirixidas polas profesoras do centro Inés Iglesias Canle e María José Bravo Bosch. A iniciativa reunirá a especialistas de seis universidades españolas e italianas co obxectivo de analizar “a necesidade de realizar unha transformación da xustiza penal en clave de feminización para poder realizar plenamente o principio de igualdade entre homes e mulleres recoñecido constitucionalmente”.

Co apoio da Unidade de Igualdade, do Consello Social da Universidade de Vigo e de Agex, a cita abordará segundo explican as súas responsables “as liñas definidoras e a ampla problemática que afecta á temática de estudo desde unha perspectiva clínica, xurídica e psicosocial”. A través da análise da aplicación normativa por parte de operadores xurídicos, as xornadas tentarán, engaden, “comprobar se efectivamente a existencia a día de hoxe de estereotipos e prexuízos do patriarcado determinan o sentido último da sentenza que debe castigar as condutas constitutivas de violencia de xénero”.

Dúas mesas redondas e dous talleres

As xornadas estrutúranse en dúas mesas redondas e posteriores quendas de debate e en dous talleres de traballo sobre os casos do asasinato de Nagore Laffage e o de La Manada, co fin de xerar un debate aberto no que as e os asistentes poidan trasladar as súas dúbidas e inquedanzas aos relatores e no que facer un traballo reflexivo que permita profundar no estudo da temática desde a súa aplicación práctica. O primeiro día o tema central será a tutela da vítima de violencia de xénero e o segundo as accións correctivas fronte á desigualdade e a violencia. No primeiro caso abordaranse cuestións como a protección xurídico-laboral da muller vítima de violencia, o delitos contra a liberdade sexual na reforma do Código Penal ou a proba de Adn en violencia sexual. No segundo dos debates tocaranse cuestións como o dereito de defensa nestes casos, a delimitación conceptual da vítima de violencia de xénero ou a mediación.

Para falar destes temas, as xornadas contarán coa participación de profesorado das universidades de León, Carlos III de Madrid e Sevilla, ademais da Universidade de Vigo. Completan o panel de relatores especialistas procedentes das universidades italianas de Catania e a Università Mediterranea di Reggio di Calabria. A inscrición nesta iniciativa, que é de balde, está aberta á comunidade universitaria, xuristas e público interesado ata esgotamento de prazas.