DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornalismo e audiovisual centra o foro que se desenvolve en CCSS e da Comunicación

Unhas xornadas reivindican unha postura “belixerante” dos medios contra a violencia machista

Preto do 90% da ficción audiovisual está protagonizada por homes, sinalou unha experta

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/10/2019

Preto do 90% da ficción audiovisual ten a homes como protagonistas, que son tamén os asinantes do 85% dos artigos de opinión publicados o pasado ano nos principais xornais galegos e ocupan o 75% dos postos directivos nas principais empresas de comunicación españolas. Estas son algunhas das cifras que este xoves puxeron sobre a mesa as e os participantes nas xornadas Comunicación, igualdade e violencia contra as mulleres, dirixidas a pór o foco na importancia do audiovisual na de transmisión de valores e no importante papel dos medios na loita contra a violencia contra as mulleres. “O primeiro que temos que facer á hora de informar sobre violencia machista é ter unha mirada comprometida e belixerante”, salientou nese senso o xornalista e profesor José María Calleja na conferencia de apertura deste foro organizado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a organización Enclave Feminista e promovido cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia transferiu á institución académica.

“A Universidade ten que ser unha fábrica de cidadáns críticos, que permitan facer unha sociedade xusta e igualitaria”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, na apertura das xornadas, na que puxo de relevo a importancia de combater a “invisibilidade” tanto das mulleres como das propias desigualdades para evitar  "que haxa xente que pense que xa chegamos á igualdade” “Non podo pensar que a nosa Universidade é igualitaria, xa me gustaría”, engadiu o reitor, que nese senso amosou a súa ledicia pola sentencia do Tribunal Supremo “que permite que as por parte das universidades se faga discriminación positiva de cara a acadar un maior número de catedráticas”. 

Reivindicar o papel dos medios como “unha plataforma clave para loitar contra a violencia machista, denunciar as agresións e sensibilizar á sociedade” é, como engadiu a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, un dos obxectivos centrais dunhas xornadas que, como engadiu o decano, Xosé Baamonde, “lanzan unha mensaxe moi clara contra a neutralidade e a indiferenza” no tratamento informativo desta lacra social. Nesta liña, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, puxo sobre a mesa cifras como as 1024 mulleres asasinadas en España desde 2003 ou 1,7 millóns de denuncias presentadas desde 2003 para pór de relevo a gravidade do “terrorismo machista” fronte a “movementos negacionistas”. Así mesmo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou que, segundo datos das Nacións Unidas, “só unha de cata catro persoas que lemos ou escoitamos nos medios son mulleres” e que “só aproximadamente un terzo con dos papeis con diálogo no cinema son femininos”, á vez que denunciou que pese a que as mulleres son maioría nas titulacións vinculadas coa comunicación, os homes “ocupan o 75% dos postos directivos” nas 30 principais empresas de comunicación do país, segundo un informe da Asociación da Prensa de Madrid.

“A batalla está nas palabras"

Profesor da Universidad Carlos III de Madrid, o xornalista José María Calleja centrou a súa conferencia no tratamento informativo da violencia machista, que abriu incidindo no importante avance que supuxo “que se lle chamase polo seu nome” a esta lacra social, co propósito de alertar sobre como na actualidade “hai unha disputa por un termo que estaba consolidado e que hai sectores que pretenden pór en cuestión”. Nese senso, o que foi redactor xefe de CNN+ defendeu que “a batalla está nas palabras”, que recalcou que as e os profesionais da comunicación “temos que ter unha mirada comprometida e facer un esforzo para elixir as palabras e as imaxes adecuadas”. Calleja incidiu nese senso que, ante a principal causa de mortes violentas en España, os medios de comunicación non poden ter unha “posición difusa”, senón que deben contribuír a “crear un clima” de apoio ás vítimas. “A única forma de combater isto é cun discurso. Trátase de establecer a hexemonía dun discurso feminista que desprestixie socialmente á idea do home machista e maltratador”, engadiu o xornalista e escritor. 

O audiovisual, “unha máquina de fabricar misoxinia”

Como unha “máquina de construír emocións” definiu a ficción audiovisual a investigadora, crítica e ensaísta Pilar Aguilar, quen, a través de diferentes exemplos, amosou na súa conferencia como esas emocións que o audiovisual transmite teñen como base “o imaxinario e os mapas sentimentais dominantes, que son patriarcais”. A ficción audiovisual, unha maquinaria de fabricar misoxinia era o título dun relatorio no que Aguilar denunciou que preto do 90% da ficción audiovisual “está protagonizada por homes”, mentres que as mulleres “son secundarias e aparecen cando ten que aparecer a historia erótico-sexual”. Ademais de secundarias, as personaxes femininas son tamén presentadas en moitos casos como “unha interrupción”, como aquela á “que sistematicamente hai que salvar” ou que “van apartar” ao protagonista da misión “verdadeiramente importante”. Aguilar presentou tamén exemplos de “películas que claramente predican a violencia contra as mulleres”, un tema pouco abordado, explicou, por unha maquinaria “que déixanos como seres secundarios prescindibles”. Non obstante, tamén incidiu en que se ben este é “o modelo de ficción maioritario”, na actualidade “existen máis variantes” para concluír que se ben “o edificio segue, comezan a saírlle fendas”. 

As mulleres só asinan o 15% dos artigos de opinión

A xornada contou tamén coa presentación por parte de Elena Ocampo e Ana Liste, representantes da asociación Xornalistas Galegas, do estudo no que analizaron os artigos de opinión publicados ao longo de 2018 polos sete principais xornais galegos. Nun reconto que deixou fóra as páxinas locais e os suplementos e especiais, as responsables deste estudo atopáronse preto de 27.000 artigos asinados por homes mentres que pouco máis de 4000, o 15% do total, foron escritos por mulleres. “Para nós é un reflexo dunha tendencia absoluta a non preguntarse que opina a metade da poboación, que se perpetúa no tempo”, concluíu Liste. 

Pola tarde, a xornada continúa cunha conferencia da profesora da facultade e vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, sobre o papel das mulleres nos medios e nos cargos de responsabilidade das empresas de comunicación, e cun relatorio sobre estereotipos de xénero de María Jesús Ortiz, responsable do Observatorio de la Imagen de las Mujeres. Pecha o foro unha mesa de debate na que participarán a ex-secretaria de Estado de Igualdade Laura Seara, a consultora e coordinadora das xornadas, Ángeles Álvarez, e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez.