DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 persoas participan nun obradoiro con esta finalidade

Xoves a xoves, aprendendo a identificar cogomelos

É a primeira edición en Ourense dunha iniciativa xa consolidada no campus de Vigo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/12/2019

Entre as novidades que incluíu este cuadrimestre a programación de obradoiros de extensión universitaria no campus de Ourense estivo un titulado Identificación práctica de cogomelos. A piques de pechar a súa actividade o día 12 de decembro, desde a súa organización salientan os bos resultados dunha formación que se centra en ofrecer ás e aos participantes coñecementos sobre ferramentas para a identificación práctica de cogomelos e conceptos teóricos sobre macromicoloxía.

A dirección da iniciativa recae en Marisa Castro, participando na docencia ademais desta profesora Mauro Rivas, María Cabaleiro e Hugo Fernández, todos eles e elas pertencentes ao Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo e os dous últimos promotores ademais da spin-off asociada a este laboratorio MycoGalicia Plantae. Con 24 persoas inscritas, desde a organización do obradoiro salientan a súa diversidade de perfís, pois participan estudantes, profesorado, persoal de administración e servizos e persoas alleas á comunidade universitaria, destacando a boa acollida que tivo a iniciativa entre o alumnado. “A  maior parte das persoas inscritas non tiñan ningún contacto previo co mundo dos cogomelos, partiron de cero, e algunhas sabían dalgunha especie pero que non se atrevían a collelas. Tamén hai un par de persoas que xa tiñan coñecementos previos”, comenta o profesorado do obradoiro.

Con 30 horas de duración, as sesións do obradoiro teñen lugar as tardes de cada xoves, arrancando a súa actividade cunha saída de campo pola contorna do campus de Ourense para apañar exemplares sobre os que logo se traballa nunha aula da Facultade de Ciencias. “Aínda que condicionados polas condicións climáticas, o que facemos habitualmente é unha saída pola contorna do campus e despois facemos charlas na aula sobre grupos de cogomelos, como boletos, níscaros, cantarelas, etc. e despois traballamos concretamente na identificación de exemplares”, explican desde a organización da actividade. Para poder chegar a traballar na identificación de exemplares, apuntan, nas primeiras sesións “explicamos as ferramentas que calquera persoa pode ter á súa disposición para identificar cogomelos, como guías ou unha aplicación electrónica”.

Bos resultados

A finalidade da actividade, apuntan as e os seus responsables, non é que as e os participantes poidan ir coller cogomelos ao seu remate. “O que intentamos é que a xente coñeza e saiba usar as ferramentas que teñen dispoñibles para a súa identificación, que saiban distinguir os grupos, como os boletos por exemplo, e que saiban identificar con claves dicotómicas”, aclaran. Aprender a identificar especies, apuntan desde a organización do obradoiro, non ten que ter só unha finalidade gastronómica, senón que “hai xente que non ten interese en comelas pero quere aprender a identificalas, como hai xente que lle gusta identificar paxaros ou plantas”.

A piques de finalizar a actividade, desde a súa organización salientan os bos resultados que está acadando. Así, indican, na última sesión fíxoselle ás persoas inscritas unha proba de coñecementos “e todos aprobaron e con moi boas notas”, o que indica na súa opinión o aproveitamento que fixeron da formación. Ademais, engaden, “a xente o que nos transmite é que está moi contenta co desenvolvemento do obradoiro”. Por estes bos resultados, as e os responsables desta iniciativa agardan que esta primeira edición teña continuidade en vindeiras convocatorias dos obradoiros de extensión universitaria en Ourense, seguindo o exemplo do campus de Vigo, onde esta actividade xa está consolidado na programación despois de varios anos celebrándose.