DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 profesionais participan nun curso sobre as últimas ferramentas de diagnose de avarías

Yamaha Motor España volve confiar no Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas para a formación do seu persoal

Como novidade o programa formativo ampliouse este ano cunha sesión sobre sistemas de xestión ambient

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 05/02/2020

Tras unha primeira experiencia máis que positiva, os responsables da firma Yamaha Motor España volven confiar no Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo para a formación do seu persoal, e fano coa celebración dunha segunda edición dun curso dirixido a dar a coñecer as ferramentas máis modernas de diagnose de avarías nos últimos modelos de motos acuáticas lanzadas ao mercado por esta marca. “Que a empresa volva a confiar en nós supón unha enorme satisfacción”, explica o investigador que coordina a actividade, Jacobo Porteiro, docente da Área de Máquinas e Motores Térmicos, quen fai fincapé en que “as sensacións coas que quedaron o ano pasado foron moi positivas, o que agora se confirma coa celebración desta nova edición, e coas conversas que xa estamos mantendo para ampliar a oferta de cursos a outros axentes de Yamaha”.

A actividade, que se celebra ao longo desta semana nos laboratorios do grupo da Escola de Enxeñaría Industrial, ten dúas edicións consecutivas e conta con 15 participantes en cada unha delas. Dirixido a que o persoal de Yamaha coñeza as ferramentas máis modernas de diagnóstico de avarías, o curso dura un día e medio e arranca cunha parte xeral sobre electricidade e electrónica na que se aproveita tamén para presentar as ferramentas coas que van a traballar para, a continuación, pasar á parte práctica de ditos conceptos no laboratorio, onde se conta cunha moto de auga, motores e diversos compoñentes do sistema eléctrico. “Como novidade este ano e, a petición de Yamaha, incorporamos tamén unha sesión para presentar os beneficios dos sistemas de xestión ambiental e os conceptos básicos da ISO 14000 como primeiro paso cara unha maior conciencia medioambiental”, recalca Porteiro.

A organización do  curso e a definición dos contidos faise entre o servizo de posventa de Yamaha e os responsables do grupo GTE. Da docencia encárganse os propios investigadores do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, co apoio de Isaac Lucas, da sucursal en España de Yamaha Motor Europa, e Arturo Campos, da empresa Jet Vigo.