Agradecemento ao persoal investigador 

UVigo - Communication 21/03/2020

A Universidade de Vigo demostrou o seu potencial investigador cunha resposta rápida ao chamamento realizado polo Goberno e canalizado a través de CRUE-Universidades, coa información sobre os laboratorios e o persoal investigador con experiencia na realización da  proba de reacción en cadea da polimerasa (PCR) coa que se detecta o Covid-19. 

Asemade, nun tempo récord, os nosos investigadores e investigadoras realizaron un inventario de todo o material almacenado nos seus centros e laboratorios que poñen á súa disposición para conter a expansión do coronavirus. Son 1750 mascarillas cirúrxicas mais 60 de protección, 1000 unidades de Taq e dNTP para a realización de PCR, 900 hisopos, case 900 pares de luvas e unhas 500 batas desbotables e máis de 260 litros de alcohol, entre outros.

Polo tanto, queremos agradecer a boa disposición, a colaboración e a inmediata resposta do persoal investigador dos grupos de Xenética de Poboacións e Citoxenética, Ecoloxía Animal, Xenética e Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigacións Mariñas (CIM); dos grupos de Enfermidades Raras, Filoxenómica, Inmunoloxía e Química Coloidal do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio); do grupo de Reumatoloxía e Enfermidades Inmunes do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS); dos grupos de Novos Materiais e de Biomarcadores Moleculares; así como do persoal técnico da Unidade de Xenómica do Centro de Apoio Científico Técnico á Investigación (CACTI). Moitos dos membros destes grupos, ademais, manifestaron desinteresadamente a súa dispoñibilidade para desprazarse e para proporcionar a máxima axuda.

O noso máis sincero e profundo agradecemento.

Entre todas e todos derrotaremos o virus!