Día Internacional da Bicicleta

UVigo – Social responsability agenda 2030 02/06/2020

No ano 2018 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 3 de xuño como o Día Internacional da Bicicleta. Esta celebración ten como obxectivo recoñecer a singularidade, a lonxevidade e a versatilidade deste vehículo de dúas rodas. A bicicleta, empregada ao longo dos séculos, é un medio de transporte accesible, sinxelo, limpo e, por tanto, sostible. 

Nesta data mundial espérase que as persoas de todo o planeta poidan gozar dos beneficios deste velocípede. Na actualidade, a bicicleta percíbese como un símbolo do progreso e do avance da humanidade, ao mesmo tempo que representa o transporte sostible e transmite modelos de consumo duradeiros que respectan a nosa contorna. Porén, aínda queda moito por facer, xa que de acordo coas Nacións Unidas as necesidades de mobilidade das persoas que se desprazan a pé ou en bicicleta seguen sen se ter en conta.

Así, a ONU aproveita esta data conmemorativa para animar os Estados membros a colaborar na creación de políticas que fomenten este medio de transporte. Do mesmo xeito, convida as nacións a mellorar a seguridade viaria e a integrar a bicicleta no deseño de infraestruturas de mobilidade sostible. Deste modo, mellórase a seguridade da poboación á par que se mitiga o aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, o que resulta na mellora da calidade do aire.

Por iso, ademais de achegarlles rendibilidade ás economías, esta forma de transporte supón melloras na equidade e na saúde. De acordo coa Organización Mundial da Saúde (OMS), o emprego da bicicleta fortalece tamén a saúde física e mental, así como o benestar das persoas. A través da actividade física que xorde desta forma de transporte pódese diminuír o risco de padecer enfermidades cardíacas, derrames cerebrais, certos tipos de cancros, diabetes e mesmo a morte. 

O uso da bicicleta posúe, pois, innumerables beneficios para o planeta: contribúe á xestión ambiental, garante a mellora na saúde das persoas e repercute de forma positiva no desenvolvemento dos países. Cómpre lembrar que, ademais, fomenta a igualdade entre as zonas rurais e urbanas, xa que nas comunidades menos favorecidas, camiñar e andar en bicicleta son os medios máis económicos para se desprazar entre as diferentes rexións.

En definitiva, os resultados de implantar melloras centradas na bicicleta están interrelacionadas co logro dos obxectivos polo desenvolvemento sostible recollidos na Axenda 2030. Malia que incide de xeito directo na consecución do ODS 3 (saúde e benestar) e do ODS 11 (cidades e comunidades sostibles), transversalmente axuda a acadar cada un dos 17 obxectivos, no que se inclúe o ODS 4 (educación de calidade), posto que a bicicleta facilita tamén o acceso dos nenos e das nenas a centros educativos que se sitúan lonxe do seu domicilio.

Persoalmente poderemos celebrar este día internacional mediante o emprego da bicicleta. Gozaremos dos beneficios de realizar exercicio físico ao mesmo tempo que daremos un paseo ao aire libre e estaremos en contacto coa natureza. As Nacións Unidas tamén nos animan a compartir publicacións nas nosas redes sociais con mensaxes positivas a través das etiquetas: #DíaMundialDaBicicleta, #3dexuñoDíaMundialdaBicicleta ou #June3WorldBicycleDay.

ODS 3 Saúde e benestar

 

ODS 11 Cidades e comunidades sostibles

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es