Día Internacional da Educación  

UVigo – Social responsability agenda 2030 22/01/2020

A educación é un piar fundamental no avance e o progreso dos pobos. A través dela, promóvense coñecementos, valores e todo aquilo que nos caracteriza como seres humanos. Sen a educación non sería posible acadar metas tan urxentes como a igualdade de xénero, a erradicación da pobreza e da fame ou a mellora na saúde. En definitiva, é a base para unha sociedade xusta e igualitaria.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñece o 24 de xaneiro como o Día Internacional da Educación co fin de poñer en valor este dereito fundamental. A importancia da aprendizaxe vese recoñecida por numerosos instrumentos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou a Convención sobre os Dereitos do Neno e a Nena, que teñen o propósito de asegurar a escolarización primaria de cativos e cativas no mundo.

Non obstante, aínda queda moito traballo por facer. De acordo coas cifras das Nacións Unidas, 258 millóns de nenos e adolescentes non teñen a oportunidade de ir á escola, menos do 40 % das nenas da África subsahariana rematan os seus estudos secundarios e arredor de 4 millóns de nenos e mozos refuxiados están sen escolarizar. Nos últimos anos acadáronse grandes melloras no acceso á formación en todos os niveis, porén é preciso redobrar os esforzos para conseguir unha educación universal. 

A importancia da ensinanza universitaria

A educación superior é un dos principais impulsores da sociedade. Ten a capacidade de construír piares máis robustos e eficaces para o desenvolvemento da sociedade e a propia economía. 

Dentro da ensinanza superior, as universidades funcionan como axentes xeradores e transmisores de coñecemento. Ademais de formar a cidadáns e cidadás en valores e capacidade crítica,  preparan as persoas profesionais do futuro, garanten a súa competitividade e fan que adquiran aptitudes clave. Así mesmo, as universidades son centros de referencia no eido da investigación, innovación e desenvolvemento.

A Universidade de Vigo aposta pola investigación científica, humanística, técnica e artística como base para a súa diferenciación. As cifras reflicten máis de 200 patentes activas, 185 grupos de investigación e máis de 1.700 investigadores. A Universidade de Vigo é unha institución emprendedora, innovadora e internacionalizada que contribúe á mellora das condicións sociais e económicas da sociedade. 

A educación como chave para o desenvolvemento sostible

A celebración do Día Internacional da Educación reafirma o papel da ensinanza como dereito fundamental, ben público e motor da Axenda 2030. A formación das persoas acelera a consecución dos 17 obxectivos. Tanto é así que o ODS 4 está centrado na educación e no seu rol  de mellorar a calidade de vida. Non hai que esquecer que a ensinanza é unha ferramenta que permite construír solucións innovadoras para os grandes problemas do mundo.

A conmemoración deste ano 2020 enmárcase no lema “a aprendizaxe para os pobos, o planeta, a prosperidade e a paz”, é dicir, a educación ten que estar enfocada no colectivismo, comezando polos pobos e actuando sobre o planeta para alcanzar a prosperidade e a paz mundial. Para este día, a Unesco convídanos a descubrir as dez metas do ODS 4 a través deste vídeo animado e invítanos a compartir na nosas redes publicacións cos hashtags #EducationDay, #DíaDaEducación ou #DíadelaEducación para, así, aportar o noso pequeno gran de area.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es