Día Internacional da Muller

UVigo – Social responsability agenda 2030 05/03/2020

O 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres por acadar realmente a igualdade na sociedade. O Día Internacional da Muller foi institucionalizado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1975, mais a semente destas reivindicacións comezou moito antes, en concreto a mediados do século XIX co movemento obreiro nos Estados Unidos.

A pesar dos numerosos avances acadados dende entón, aínda queda moito camiño por percorrer. A día de hoxe grupos, asociacións, fundacións, ONG e mulleres en xeral seguen a loitar cada ano para acabar cos acosos, coa violencia de xénero, coa fenda salarial e coas desigualdades en todas as súas formas.

De acordo coas cifras da ONU, tan só o 24,9 % dos escanos parlamentarios no mundo están ocupados por mulleres. Ademais, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual, e 200 millóns de nenas-mulleres sufriron a mutilación xenital. No eido do traballo, de 500 persoas en postos de xefatura executiva nalgunhas das empresas con maiores ingresos do mundo, menos do 7 % son mulleres. O colectivo feminino segue a realizar unha parte desproporcionada do traballo doméstico e de coidados de forma non remunerada. Nos países en desenvolvemento, isto inclúe tarefas como a recolección da auga, onde a responsabilidade recae nas mulleres e nenas que viven no 80 % dos fogares sen acceso a este ben.

En definitiva, en todos os ámbitos e lugares do mundo, as mulleres e as nenas están subrepresentadas. Por iso é tan importante continuar co movemento 8M. Este ano 2020 preséntase coma unha oportunidade excepcional para a mobilización mundial, posto que se conmemora o décimo aniversario da creación de ONU Mulleres e o 25.º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (1995), a folla de ruta máis progresista para o empoderamento feminino en todo o mundo. 

A igualdade na Universidade de Vigo

A desigualdade de xénero na educación supón un grave obstáculo para o desenvolvemento humano.  Por iso, a  Conveción sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller recolle no seu artigo 10  o dereito á igualdade entre mulleres e homes na esfera educativa. 

A Universidade de Vigo destaca polo fomento e apoio a prol da igualdade mediante instrumentos políticos, avaliacións e campañas que implican tanto ao alumnado como ao persoal docente, investigador e de administración e servizos.

A Área de igualdade é a responsable da elaboración e difusión de moitas destas ferramentas. A finalidade é crear unha comunidade xusta, libre de violencias de xénero e co máximo respecto dos dereitos humanos a través de  políticas de igualdade, actividades, protocolos de actuación e prevención en casos de acoso sexual e boletíns informativos mensuais. Aquí tendes á vosa disposición o boletín do mes de marzo do 2020 con convocatorias, congresos, bibliografía recomendada e máis recursos. Ademais, destaca dentro da Universidade o II Plan de igualdade entre mulleres e homes estruturado en catro eixes mediante os que se pretende acadar obxectivos tanxibles dentro da comunidade universitaria. Tamén sobresae o portal de transparencia onde constan os indicadores do persoal PDI e PAS desagregados por sexo.

A través de todos estes recursos e informacións, a Universidade de Vigo pretende xerar un cambio de mentalidade co afán de crear unha sociedade xusta e con igualdade de dereitos en liña coa Axenda 2030.

As mulleres e a Axenda 2030

Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible propoñen unha folla de ruta na que non se deixa a ninguén atrás. A consecución dos ODS pasa por acadar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Garantir o respecto dos dereitos do colectivo feminino é a única vía para obter xustiza, lograr a inclusión e conseguir economías beneficiosas co medioambiente.

O tema do Día Internacional da Muller para este ano 2020 é «Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres». Esta campaña reunirá persoas de todos os xéneros, idades, orixes étnicas, relixións e países para impulsar accións que cren o mundo igualitario merecido por todos e todas. Únete ao movemento Xeración Igualdade e comparte nas túas redes sociais unha publicación a favor do 8M empregando os hashtags #XeracionIgualdade, #IWD2020 e #CSW64.