Programa de internacionalización lingüística

This content is currently not available in English

Fomento do plurilingüismo e da proxección internacional

O Plan de internacionalización lingüística responde á decisión de seguir unha estratexia do fomento do plurilingüismo, asociada á meta estratéxica de acadar unha universidade que consolida a súa proxección internacional.

Esta liña ten como obxectivos principais incrementar o número de estudantes estranxeiros recibidos na nosa universidade mediante a potenciación do plurilingüismo; promover o coñecemento e uso de idiomas por parte da comunidade universitaria; incrementar o número de materias impartidas noutras linguas; e mellorar a oferta de información plurilingüe da Universidade de Vigo. A estas iniciativas súmanse outras accións no citado plan que requiren dunha actitude proactiva por parte da universidade no tocante á capacitación plurilingüe, como as dirixidas a mellorar a capacidade docente do profesorado ou as que teñen como obxectivo potenciar a mobilidade do persoal docente investigador, do alumnado e do persoal de administración e servizos.

 

O obxectivo xeral do Plan de internacionalización lingüística é o de promover a competencia en linguas estranxeiras da comunidade universitaria como un elemento fundamental da política europea de educación superior. Para iso, o plan estrutúrase de xeito que:

  • Teña en conta a situación actual da nosa institución no tocante á competencia en linguas estranxeiras e ás necesidades dos membros da comunidade universitaria.
  • Promova de xeito proactivo o plurilingualismo e o multilingualismo institucional.
  • Garanta o acceso á aprendizaxe de linguas estranxeiras, en colaboración co Centro de Linguas.
  • Anime as e os falantes nativos doutras linguas, agás o galego e o castelán, ao uso da súa lingua nai, sen prexuízo do coñecemento das linguas oficiais da comunidade autónoma de Galicia e da Universidade de Vigo.
  • Impulse a diversidade lingüística e cultural e a toma de consciencia sobre elas por parte de todos os membros da comunidade universitaria.
  • Facilite a mobilidade do estudantado, o persoal docente e investigador, e o persoal de administración e servizos.
  • Fomente a aprendizaxe de linguas estranxeiras ao longo de toda a vida.

Segundo se establece na Declaración de Nancy, feita pública polo Consello de Europa no ano 2006, as universidades deben desenvolver as políticas axeitadas para permitir que todas as persoas tituladas universitarias europeas:

  • Sexan capaces de comunicarse en polo menos dous idiomas, ademais da súa ou das súas linguas propias.
  • Saiban como mellorar os seus coñecementos lingüísticos.
  • Teñan confianza e estean instruídos en como aprender unha nova lingua cando xurda a necesidade ou a ocasión.
  • Adquiran experiencia de primeira man traballando e aprendendo noutros países, e colaborando con eles.
  • Poidan familiarizarse con outras culturas e adquirir destrezas interculturais.

 

Consulta o plan completo

Plan de internacionalización lingüística [PDF]209.66 KB

 

Os resultados da implantación e do desenvolvemento deste plan son, entre outros:

 

Centro de Linguas - Fundación Universidade de Vigo

 

Ir á web do CDL

 

Impartición de materias en inglés en graos e mestrados

Existen materias tanto nos graos coma nos mestrados que son impartidas en inglés. Consulta aquí as do curso 2017/2018:

Na sección propia de Estudos de Grao e Mestrados podes ver en detalle as materia de cada titulación.

 

EMILAB, Docencia en inglés

EMI (English Medium Instruction) está a ser empregado por un crecente número de universidades en todo o mundo, entre as que se atopa a Universidade de Vigo e, para axudar ao reto que supón impartir docencia en inglés, poñemos a disposición da comunidade universitaria EMILAB, un repositorio en liña con recursos para o profesorado que imparte docencia en inglés, que se actualizará permanentemente. Tamén será de utilidade para a redacción de artigos científicos en inglés e a interacción eficaz en contornas académicas e científicas.

Web EMILAB

 

HELA, Higher Education Lecturing Accreditation

HELA (Higher Education Lecturing Accreditation) é unha proba deseñada na Universidade de Vigo que avalía se os profesores e as profesoras posúen as competencias lingüísticas necesarias para enfrontarse á docencia nunha lingua estranxeira con éxito. Valora o dominio da lingua, a fluidez, as habilidades comunicativas, a presentación oral e a capacidade de interacción co alumnado.

 

Outra información de interese