200 mozas e mozos coñecen no campus de Vigo o traballo das investigadoras
O 11F que descubrín na UVigo que quería ser científica
Facultades, escolas e centros de investigación acollen hoxe decenas de actividades
En España, segundo a UNESCO, só un 30% de mulleres decide matricularse en carreiras STEM, unha porcentaxe que acada o 34% no conxunto de Europa. Mulleres, que segundo se pon de manifesto na análise Científicas en cifras 2025, consideran nunha porcentaxe do 17% que aínda existen discriminacións por razón de xénero na ciencia, algo que, non obstante, só percibe o 4% dos homes do sector. Reverter estas e outras moitas cifras que evidencian as desigualdades e a falta de paridade no ámbito científico, nomeadamente no das disciplinas STEM, non semella doado, de aí a relevancia das actividades que neste 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, se organizan co obxectivo de poñer en valor o papel das científicas e para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.
Un ano máis a UVigo súmase á celebración do 11F cun completo programa de actividades que este mércores trouxeron ao campus de Vigo máis de 200 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO dos IES de Coruxo, Politécnico de Vigo, O Castro e Álvaro Cunqueiro que participaron nun completo programa de obradoiros organizados polas escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Industriais; as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como polos centros de investigación CINBIO, Cintecx e CIM, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Coa novidade da visita do alumnado masculino ás facultades máis feminizadas do campus, mentres as rapazas seguiron achegándose a ámbitos tradicionalmente máis masculinazados, o 11F comezou ás 9.30 da mañá coa chegada do alumnado ao campus vigués, onde permaneceron ata o mediodía.
Unha vintena de obradoiros por todo o campus
Baixo o paraugas de ElasFanCientec o Cinbio ofreceu ás súas visitantes nove obradoiros nos que persoal investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) tivo ocasión de amosar o seu traballo nos ámbitos dos nanomateriais, filoxenómica, citometría ou biomediciña. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación foi escenario da celebración de dous obradoiros: Detectives de imaxes, a cargo de Elena Rodríguez, no que as alumnas recibiron unha pequena introdución ao mundo da análise forense de imaxes para coñecer a detección de manipulacións e xerar as súas propias edicións; e Robótica con CuteBot, con Laura Pardo, no que as participantes achegáronse ao mundo da programación a través dos bloques de programación gráfica de CuteBot, un robot con placa micro:bit.
Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía as participantes no ElasFanCientec afondaron na historia da ciencia no obradoiro EnerXIKAS con Raquel Pérez e Marta Pazo; tomaron parte nunha xincana sobre conceptos de combustión dirixida por Iria Feijoo e Silvia Gómez (The Science Games: Catching Fire) e na resolución dun quebracabezas relacionando un mineral do que se extrae un metal que logo se utiliza en aplicacións que se empregan no día a día. Mentres, na Escola de Enxeñaría Industrial, as alumnas da ESO tiveron ocasión de entrevistar a mulleres da Escola que lles achegaron unha visión real da súa traxectoria, para logo recompilar esta información e expoñela ao resto de compañeiras.
Na Facultade de Filoloxía e Tradución desenvolvéronse cinco obradoiros sobre subtitulación audiovisual, fraseoloxía galega, ciencia aberta, música e letras e os acentos inglés, impartidos por Alberto Álvarez Lugrís, Verónica Pousada, Rocío Hernández, Susana Rodríguez Barcia e Claudia de la Iglesia. Mentres, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o alumnado tivo ocasión de debater algúns supostos, así como coñecer as titulacións que se imparten e coñecer a experiencia profesional dalgúns titulados.
Pola súa banda, no Cintecx integrouse por vez primeira o alumnado masculino de secundaria nunha actividade centrada na identificación de estereotipos e roles de xénero que condicionan a elección de estudos, promovendo a incorporación dos homes a Titulacións con menor presenza. Ademais de neste obradoiro, organizado pola Unidade de Igualdade, o alumnado visitou a exposición Mulleres investigadoras Cintecx e participaron nunha actividade vinculada ao desenvolvemento do xogo de escapada científico Alerta Verde, que se está a desenvolver coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A perspectiva de xénero nas tecnoloxías emerxentes foi a protagonista doutras actividades do 11F, como a mesa redonda organizada polo centro Ecobas sobre intelixencia artificial e igualdade na Facultade de Ciencias Económicas. Ademais, esta tarde, entre as 16.00 e as 21.00 h, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) organiza a proxección da película Justicia artificial na facultade de Ciencias Xurídicas do campus de Vigo e na de Dereito do campus de Ourense, dentro do ciclo Cine e Xustiza 2026.
Premio Marie Tharp e mesa redonda no CIM
Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrou a cuarta edición do Premio Marie Tharp, unha iniciativa vinculada ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que promove a visibilización das investigadoras mediante vídeos divulgativos dun minuto. No apartado competitivo, o xurado distinguiu a Cristina Fernández (PhystoFish) polo seu traballo sobre suplementos nutricionais para avanzar cara a unha acuicultura máis eficiente e sostible, mentres que a mención especial foi para Lizbet Gutiérrez (XB2), centrada no desenvolvemento de ferramentas intelixentes para mitigar a depredación do mexillón nas rías galegas.
Para o director do CIM, Daniel Rey, “usar o nome de Marie Tharp neste premio é unha maneira de afirmar con claridade que a ciencia do presente e do futuro debe ser máis xusta, diversa e visible e tamén unha mensaxe para as novas xeracións: hai espazo para o voso talento, hai camiño por percorrer e comunidade para acompañarvos”. Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, gabou a iniciativa do CIM que “amosa o compromiso a longo prazo coa igualdade e a visibilización do talento feminino”.
A xornada incluíu a mesa redonda Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña, na que participaron as investigadoras Ana Ulla, Ayelén Blanco y Nerea Cazás, de distintas etapas profesionais e a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, que confirmaron que se está indo polo bo camiño, que a presenza feminina mellora no ámbito científico, aínda que quedan moitos escollos que salvar, sobre todo no que se refire ao liderado feminino.
Máis actividades mañá e a próxima semana
As actividades do 11F continuarán este xoves no campus de Vigo co relatorio Innovación en igualdade, impulsada pola UCC+i, na sala 1 do Edificio Miralles ás 11.00 h. O relatorio, que poderá seguirse de forma presencial ou online a través de UVigo TV, será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, e nel participarán as investigadoras da UVigo Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro. O encontro contará tamén coa introdución da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e coa participación en liña da divulgadora Marta Macho.
Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.
