DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto H2020 no que participan investigadores da EE Forestal e do grupo Rede

20 institucións trallaban no desenvolvemento de métodos específicos para cuantificar a resiliencia dos bosques europeos ante o cambio climático

A UVigo leva a cabo unha análise da cadea de valor do piñeiro no noroeste peninsular

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/10/2021

20 institucións e organismos de doce países europeos, entre os que se atopa a Universidade de Vigo, toman parte en Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), un proxecto seleccionado na convocatoria Horizonte 2020 que ten como obxectivo definir unha serie de estratexias de resposta que permitan mellorar a resistencia e capacidade de adaptación dos bosques europeos ante os efectos do cambio climático. Representantes das diferentes entidades socias participan desde este domingo na República Checa na primeira reunión de traballo dun proxecto coordinado polo Instituto Forestal Europeo (EFI). Cun financiamento de preto de cinco millóns de euros, un dos propósitos de Resonate é “desenvolver métodos específicos para cuantificar a resiliencia, non só das masas arbóreas, senón da cadea de valor forestal, o que é algo realmente innovador a nivel europeo”, como salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, coordinador da participación da UVigo nun proxecto do que forman parte tanto investigadores e investigadoras desta escola como do grupo Rede, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“A temática xeral do proxecto é a resiliencia das masas forestais ante o cambio climático e outros cambios que poidan producirse en Europa”, explica Picos, que destaca como un dos factores máis relevantes desta investigación a integración tanto da “resiliencia económica, como da socioeconómica”. Coordinado polo investigador do EFI Marcus Lindner, Resonate buscará nese senso contribuír á toma de decisións que permitan mellorar a capacidade de adaptación tanto dos bosques como das cadeas de valor asociadas ante ameazas como as secas, os incendios ou as pragas, pero tamén ter en conta os efectos que neste sector poden ter “os cambios na propiedade forestal, nas tendencias dos consumidores...”, sinala Picos.

Ata este xoves, a Czech University of Life Sciences exerce como anfitrioa das primeiras xornadas de traballo dun proxecto que se estenderá ata 2025 e que en maio desenvolvía de xeito virtual a súa reunión de lanzamento. “A idea é ir poñendo en común os datos de cada un nos nosos casos de estudo e os avances en cada un dos plans de traballo que contempla o proxecto”, explica o director da EE Forestal. Membro do comité directivo do proxecto, Picos representa á Universidade de Vigo neste encontro, que abrangue unha serie de mesas de traballo centradas nos diferentes “paquetes de traballo”, nas que se combina a asistencia presencial e virtual. De feito, xunto a Picos participan en Resonate os investigadores e investigadoras da EE Forestal Ángeles Cancela, Enrique Valero, Xana Álvarez, Julia Armesto e Laura Alonso, así como os integrantes do grupo Rede, pertencente á Ecobas, Pilar Piñeiro, Pol Fontanet, Fernando León, Carlos Rodríguez e Antonio Sartal. 

A cadea do piñeiro no sur de Galicia e norte de Portugal

Estruturado en seis bloques, Resonate comprende unha serie de “casos de estudo”, dirixidos a integrar as diferentes liñas de análise nunha zona xeográfica concreta, “cada unha cunha temática específica distinta”. A EE Forestal e o Instituto de Investigación Forestal de Croacia encárganse de coordinar esta liña de traballo que, como apunta Picos, abrangue desde a análise dos efectos das secas no centro de Europa, a prevención de incendios ou a naturalización de masas artificiais, efecto das repoboacións, ata o estudo da cadea valor asociada o piñeiro no sur de Galicia e norte de Portugal, estudo que levan a cabo os investigadores e investigadoras da UVigo.

Trátase, como explica Picos, da “cadea de valor máis longa” desta área xeográfica, na que se insiren tanto propietarios forestais como industrias como as do taboleiro e mobiliario, serradoiros ou fabricantes de pellets. A xuntanza que nestes días se desenvolve en Chequia permite nese senso presentar a “primeira aproximación” dos investigadores tanto á zona de estudo como aos axentes implicados. Como apunta Picos, coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (Xunta), outro dos socios de Resonate, vanse desenvolver “unha serie de reunións con empresas e entidades dos dous lados da fronteira, xa que a cadea de valor é a mesma”. Nese senso, salienta que se trata dun caso de estudo que permitirá abordar tamén “a dificultade de caracterizar cadeas de valor transnacional”, dadas as diferencias que poden existir tanto en materia de datos e estatísticas, como normativas ou adminsitrativas. Ao mesmo tempo, esta primeira aproximación ao  caso do estudo levounos tamén a pór o foco nas “ameazas” desa cadea de valor, como os incendios ou o nematodo da madeira do piñeiro. Mais, sinala, o estudo deterase tamén noutros factores, “como o abandono do rural ou o xurdimento de novos mercados, que pode ser tanto unha ameaza como unha oportunidade”. 

Da realidade global ás específicas

De xeito paralelo aos casos de estudo, o proxecto abrangue o desenvolvemento de diferentes bloques de traballo, centrados na metodoloxía, na resiliencia dos bosques e das cadeas de valor e na “integración desas dúas resiliencias e accións de futuro”. Deste xeito, explica Picos, búscase “ser capaz de medir se os sistemas forestais son o suficientemente estables para poder absorver os cambios que poidan vir”, o que á súa vez permitirá definir “en que aspectos debería innovarse ou mellorar” para poder facer fronte a unha serie de “cambios previsibles”. Unha análise que Picos define como un “camiño de dobre sentido”, de tal xeito que a información referida ao conxunto da UE poida analizarse nas diferentes zonas de estudo, “que á súa vez vannos dar unha información que poder contrastar nunha escala maior”.