DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o defendeu o exministro Miguel Sebastián no ciclo Coloquios en tempos de pandemia

O 2021 pode ser economicamente horrible ou marcar o inicio duns novos ‘felices anos 20’

Pasada a pandemia, unirase o desexo de investir duns coa alta taxa de aforro de outros e as política

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Académica
D. Besadío DUVI 02/12/2020

Coa chegada da vacina da covid-19 abriuse un novo horizonte, non só a nivel sanitario, senón tamén económico e, neste sentido, o 2021 será un ano no que ninguén acerte coas súas previsións, simplemente, porque ninguén ten nin idea do que vai pasar: “pode ser un ano magnífico, equiparable a unha nova versión dos felices anos 20, cando por certo, tamén se saía dunha pandemia e unha guerra mundial,  ou ser un ano horrible, unha catástrofe non vista na economía mundial en moito tempo”, recalcou o exministro de Industria, Turismo y Comercio Miguel Sebastián na súa intervención este mércores no ciclo Coloquios en tempos de pandemia, que promoven a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo e a Fundación Mentor. 

Presentado polo reitor, Manuel Reigosa, e o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, de quen foi docente, Miguel Sebastián (Madrid, 1957) defendeu na súa charla, que puido seguirse en liña e tamén de xeito presencial no salón de actos da facultade, que o 2021 poderá ser un ano economicamente boísimo ou malísimo, pero, en todo caso, non haberá termos intermedios, como defende nos seus informes a OCDE.

Segundo explicou Sebastián, profesor da Facultade de Ciencias Económicas da Universidad Complutense de Madrid,  hai diferentes causas que poden levar a uns excelentes resultados económicos, entre elas, o cambio de expectativas, que xa se está a notar nos mercados financeiros tras o anuncio da chegada da vacina e que animará a moitos investidores a facer realidade os seus proxectos, parados agora como consecuencia da pandemia. Por outra banda, Sebastián fixo fincapé en que hai unha enorme taxa de aforro acumulado e, “da mesma maneira que hai moita xente que o está pasando mal e que habería que axudarlles de forma máis intensa”, a taxa de aforro das familias está nuns niveis récord, próxima ao 30%, cando o normal é que estea no 8%, e todo ese diñeiro vai saír como unha fervenza e, probablemente produza unha aceleración do consumo nunca vista antes. A isto habería que sumar tamén a conxunción das políticas fiscais e monetarias moi expansivas, que van permitir aos estados gastar e endebedarse “case sen límite a curto prazo” e acompañándoos, ademais, con diñeiro público procedente de Europa. “Se sempre falamos de tormenta perfecta, aquí podemos falar de festa perfecta”, recalcou Sebastián, quen recalcou que esta posible recuperación económica non significa que non vaia haber “gañadores e perdedores”, situando entre os principais prexudicados ao turismo, “que precisará unha reflexión en profundidade”, e entre os beneficiarios, á industria, “que soubo adaptarse ás necesidades que impuxo a sociedade”.

“Non é unha crise ao uso, non se trata da típica recesión”

A xestión da pandemia da covid-19 require segundo Sebastián novos métodos de xestión. A crise económica provocada pola covid-19 non é unha crise ao uso, non se trata da típica recesión, senón que combina choques da oferta e da demanda transitorios, xa que se supón que se van producir mentres dure a pandemia. “Eu penso que así como o diagnóstico sanitario é malo tanto en Europa en xeral como en España en particular, o económico pode ser bo”, insistiu Sebastián, que defendeu que estamos ante unha situación moi especial, con actuacións especificas tanto para oferta, sobre todo a través dos ERTES e os ICO para as empresas, como para a demanda, apoiando aos fogares máis vulnerables. “O problema que temos é que isto está durando demasiado e, o que ía ser algo transitorio, estase prolongando”, salientou o exministro, que fixo fincapé en que o dano económico no 2020 está sendo tremendo e segue patente o risco dunha terceira ola no primeiro trimestre do 2021, “que podería ser demoledora”.

Criticou que os test sigan sendo un  “produto de luxo”

Ao marxe das predicións de futuro, Sebastián destacou como unha das cuestións que máis está afectando á economía é a incapacidade de facer testeos masivos. Nesta liña, defendeu a importancia de facer cribados e confinar aos infectados e, neste sentido, criticou que en Occidente e, en particular en Europa, “os test seguen a ser un produto de luxo ao alcance de moi poucos, caros no sector privado e moi difíciles de conseguir no público”, mentres que en China, ademais de ser completamente gratuítos, están perfectamente dispoñibles para calquera persoa que sospeite que puido ter contacto con algún positivo.

Desde o seu punto de vista o dilema economía saúde non existe, as dúas variables están correlacionadas positivamente, e os países que tiveron menos dano sanitario ao final van a ser tamén os que teñan mellores resultados económicos, é dicir, os países máis exitosos coa pandemia van ser tamén os máis exitosos coa economía. Nesta liña Sebastián fixo referencia ao actual debate sobre como debe enfrontarse a chegada do Nadal, advertindo de que se está volvendo a caer na busca do equilibrio entre saúde e economía, “e de novo, volvemos caer no modelo que nos levou ao desastre”.

Miguel Sebastián pecha os coloquios do 1º cuadrimestre

Co relatorio de Miguel Sebastián o ciclo Coloquios en tempos de pandemia acada a súa quinta e derradeira sesión deste primeiro cuadrimestre. Péchase así a primeira parte dunha actividade organizada polo decanato do centro coa colaboración do vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, coa idea de achegar a Universidade á sociedade, ao tempo que se dinamiza tanto a vida interna da institución como a propia relación coa contorna, e “exercendo unha posición de liderado activo”, tal e como recalcaba na inauguración do ciclo, o pasado 1 de outubro, o decano do centro, Jorge Falagán. Abertos pois ao público en xeral, os coloquios contaron coa participación do director executivo de Zendal, Andrés Fernández; o vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos; o presidente de Norvento, Pablo Fernández e a psicóloga e ex responsable de relacións humanas e deportivas do F.C. Barcelona, Inma Puig.