DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao convenio asinado coa Secretaría de Estado de Política Territorial e Función Pública

25 estudantes poderán realizar as súas prácticas en diferentes áreas da Subdelegación do Goberno

Tanto curriculares coma extracurriculares

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/10/2020

Un máximo de 25 alumnos e alumnas de grao e mestrado poderán realizar cada curso prácticas académicas externas, tanto curriculares como extracurriculares, nas diferentes áreas de xestión da Subdelegación de Goberno en Pontevedra grazas ao convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Secretaría de Estado de Política Territorial e Función Pública do Goberno de Estado. O reitor, Manuel Reigosa, e a subdelegada de Goberno, Maica Larriba, deron conta este xoves, nunha rolda de prensa virtual, dos contidos deste convenio, que achega unha “oferta interesantísima para a formación complementaria dos nosos estudantes”, como salientou Reigosa.

O convenio, asinado o pasado mes de agosto, ten unha duración de dous anos, prorrogables por outros dous, e posibilitará a realización tanto de prácticas curriculares, coa duración estipulada no correspondente plan de estudos, como extracurriculares, cunha extensión neste caso dun mínimo de 150 horas e un máximo de 750. A selección do alumnado correrá a cargo da Universidade de Vigo, que nomeará, como explicou Larriba, un titor académico, que xunto ao nomeado pola administración, “serán os encargados do seguimento e avaliación dos alumnos e alumnas”. 

Ámbitos para múltiples perfís de alumnado

Segundo recolle o convenio, o alumnado en prácticas poderá participar nas actividades de áreas e servizos como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, os servizos de Asuntos Xurídicos e Axuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría, a Oficina de Estranxeiría, a Dependencia de Agricultura e Pesca, no servizo médico, no laboratorio de control de alimentos e o servizo de inspección de Sanidade Exterior e no Servizo de Inspección Farmacéutica e Control de Drogas. Nese senso, Reigosa puxo de relevo que se trata dunha “oferta o suficientemente ampla como para incluír a futuros egresados de calquera titulación”. O reitor explicou así mesmo que, aínda que “estaremos moi pendentes” da evolución da pandemia, a incorporación dos primeiros alumnos en prácticas poderá realizarse “de xeito inmediato” e, nese senso, puxo en valor os “esforzos” realizados para acadar un convenio “que agardo que sexa un éxito”. Non en van, subliñou, “aspiramos que os nosos egresados, ademais da sólida formación que acadan nas aulas, dispoñan de iniciativas nas que poidan dar os seus primeiros pasos no mercado laboral”. 

Nese mesmo senso, Larriba salientou que a acollida das e os estudantes na Subdelegación “suporá unha experiencia enriquecedora” para o alumnado, “no que se refire a súa preparación profesional”, así como para aqueles que queiran desenvolver a súa carreira na administración pública; pero tamén para os funcionarios públicos, que  "poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario”. A responsable da Subdelegación lembrou así mesmo que este convenio non suporá “ningunha obriga contributiva nin contractual” para a Administración Xeral do Estado.