DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa da escola de Educación e Traballo Social Estou

25 persoas fórmanse no campus para ser monitores e monitoras de tempo libre

A actividade combina docencia presencial e virtual

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/11/2020

Desde o pasado 23 de outubro e ata o 13 de decembro, o campus de Ourense acolle unha nova edición do Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre, que forma parte da programación da Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou) e que conta coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. Nel, 25 persoas, principalmente do eido da educación e do traballo social, fórmanse nas instalacións universitarias e de xeito virtual co obxectivo de aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde os máis novos aos máis maiores.

“Estou adáptase á formación on-line e pon en marcha o primeiro curso semipresencial do ano. Coa posibilidade de impartir ata 90 horas a través de Internet, a escola comezou o Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre tendo como principal obxectivo manter a calidade e formación de futuras monitoras respectando as medidas de seguridade, hixiene e distancia para previr contaxios de covid”, comenta o educador social Millán Brea en nome da organización da actividade. “Este curso é un reto. Temos que deixar de ver as limitacións e centrarnos nas posibilidades. Como futuras monitoras, dende Estou sempre traballamos para abrir perspectivas e adaptar as nosas dinámicas á todas as circunstancias. Isto non vai a ser menos", comentan desde a organización.

Enfoque práctico

A formación, que ten un enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade das e dos participantes, consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, que se desenvolven de venres a domingo. As actividades presenciais desenvólvense, atendendo ás necesidades sanitarias, en espazos da Facultade de Educación e Traballo Social e, grazas á colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte, no pavillón de deportes do campus, podendo así dispor “dun lugar moito máis amplo que permita realizar dinámicas e xogos mantendo distancias axeitadas e evitando o contacto entre alumnado”, tal e como indican desde a organización.

Ao igual que en edicións anteriores, a docencia da actividade corre a cargo non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo e persoas que teñen un papel activo na entidade organizadora. Os contidos que se abordan ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental. Neste senso, desde a organización do curso subliñan como as e os monitores de tempo libre non deben centrar a súa formación unicamente pensando en campamentos e traballo con crianzas, senón que deben ser capaces de ter ferramentas que faciliten a súa intervención con un abano máis grande de colectivos e nese senso está orientada a formación que imparte Estou.

O perfil de participantes no curso, indica Millán Brea, “de novo volve a ser moi variado dentro do grupo de 25 persoas que se apuntaron”, sinalando como o as titulacións de Traballo Social, Educación Social e Educación Infantil e Primaria volven ser as carreiras que teñen maior representación. En todo caso, o tamén profesor asociado na UVigo lembra como o curso cada vez atrae máis o interese de persoas procedentes de ciclos de formación profesional relacionados co lecer e o tempo libre. Ao rematar a formación, as e os participantes que cumpran os requisitos obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.