A Unidade de Igualdade anima a participar na enquisa a PDI, PTXAS e alumnado
27 preguntas para avaliar e diagnosticar o acoso sexual e por razón de sexo na UVigo
O segundo cuestionario estase a realizar tras sete anos da primeira avaliación
No ano 2018 da Universidade de Vigo realizaba a primeira avaliación-diagnose sobre a situación do acoso sexual e por razón de sexo na comunidade universitaria, na que se identificaron como vítimas de acoso sexual a 35 estudantes (30 alumnas e 5 alumnos); 13 PDI (12 mulleres e 1 home) e 9 membros do PTXAS (8 traballadoras e 1 traballador). En canto ao acoso por razón de sexo, recoñecéronse 39 estudantes vítimas (37 alumnas e 2 alumnos); 17 PDI (todas elas mulleres) e 4 traballadoras do PTXAS. Uns datos que, segundo a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, “evidenciaron que as mulleres, en comparación cos seus compañeiros, son quen máis sofren situacións de acoso sexual e por razón de sexo tamén na UVigo”, pero que transcorridos sete anos cómpre actualizar, razón pola que a institución acaba de lanzar unha segunda enquisa de avaliación e diagnose entre os membros da comunidade universitaria.
“Este novo estudo ten un dobre obxectivo: por unha banda, deseñar unha nova folla de ruta con estratexias máis eficaces de detección, intervención, prevención e formación; e pola outra, realizar unha análise comparativa entre as diagnoses de 2018 e 2025 para avaliar a evolución dos comportamentos e actitudes da comunidade universitaria en relación co acoso sexual e por razón de sexo, co fin de identificar cambios significativos, fortalecer a sensibilización da comunidade e consolidar mecanismos eficaces para a prevención, detección e resposta ante situacións de acoso”, detalla a directora da Unidade de Igualdade da UVigo.
Chamamento á participación da comunidade universitaria
As enquisas en liña, enviadas aos correos electrónicos das e dos integrantes da comunidade universitaria, estrutúranse en tres bloques: datos sociodemográficos e académicos; incidencia na prevalencia do acoso sexual e por razón de sexo e coñecemento e formación sobre o Protocolo de prevención e acción fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, aprobado no Consello de Goberno o pasado 26 de maio. “En total, a enquisa recolle 27 preguntas que permitirán obter unha visión detallada e actualizada da situación na Universidade de Vigo”, sinala Yolanda Rodríguez, que anima á comunidade universitaria a participar na enquisa. “Previr e erradicar a violencia sexual, especialmente o acoso e por razón de sexo, é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas e todos”, sinala a directora da Unidade de Igualdade.
A realización desta segunda enquisa é unha iniciativa incluída no convenio entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a UVigo para o desenvolvemento das accións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.