DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibirán o selo os que cumpran uns requisitos na promoción activa de actividades de xénero

A 2ª edición do Distintivo de Igualdade buscará ampliar o número de centros con este recoñecemento

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de decembro

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/09/2021

Tras unha edición piloto que vén de resolverse a favor da Facultade de Filoloxía e Tradución, a Universidade de Vigo acaba de publicar a segunda convocatoria do Distintivo de Igualdade que chega, ademais, cargada de cambios e novidades. A obxectivo destas modificacións é, principalmente, abrir as bases deste recoñecemento a máis escolas, facultades e centros de investigación. Así, non será só o centro mellor valorado o que obteña o distintivo, senón todos aqueles que acaden unha puntuación igual ou maior de 80 puntos. A responsable da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, destaca neste sentido que o Distintivo de Igualdade “non naceu con espírito competitivo, senón todo o contrario, para conseguir que se implementen nos centros políticas colaborativas para que toda a institución unida sume”. 

Con este selo, a Universidade quere recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. Nesta segunda convocatoria, ademais de concederse o distintivo a varios centros, “matízanse certas variables que na convocatoria piloto penalizaban as titulacións STEM”, explica Gómez. Outra das novidades será que o comité avaliador estará formado por representantes de cada un dos eidos do coñecemento. O distintivo consistirá nunha insignia para expoñela publicamente na facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo distinguido, e nunha achega económica de 3000€ para desenvolver políticas de promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. O recoñecemento terá unha vixencia de seis anos, momento no que, no caso de querer ser renovado, o centro deberá presentarse de novo a esta convocatoria. 

Gómez anima a participar a todos os centros porque o proceso de análise e cribado previo necesario para prepara as candidaturas “serve tamén para que os equipos directivos fagan unha autodiagnose de fortalezas e debilidades, un exercicio moito máis eficaz que se o fixese unha entidade de avaliación externa e enriquecedor para seguir traballando neste eido”. Para realizar este traballo de análise interna, Gómez pon en valor o feito de que os centros conten con comisións de igualdade estables, xa que “permiten traballar dun xeito máis estruturado, coñecer e poñer en valor do que se fai no eido da igualdade e o feminismo”. 

Criterios a valorar

O prazo de presentación de candidaturas para esta segunda convocatoria rematará o 15 de decembro. A partir desa data, o xurado iniciará o proceso de avaliación das propostas no que se terán en conta aspectos como a existencia nos plans de estudos de materias que traten a igualdade entre mulleres e homes ou inclúen a perspectiva de xénero na docencia; se existen liñas de investigación e transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero coas que conta o centro; as actividades de promoción e sensibilización en igualdade realizadas nos últimos seis anos; o grao de paridade nos órganos de goberno; o uso da linguaxe inclusiva e non sexista; as políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas promovidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade; actividades e accións desenvolvidas polo centro que amosen o grao de implantación do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo e, finalmente, o número de actividades e accións desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.