DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un obradoiro de introdución á observación astronómica

30 horas de formación para comezar a mirar o ceo doutro xeito

Nel abórdanse conceptos básicos sobre obxectos estelares e telescopios

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 28/04/2021

A astronomía como afección esperta tradicionalmente moito interese e curiosidade entre a poboación. Porén, adentrarse neste eido require ás persoas interesadas certa formación específica tanto no que ser refire aos obxectos estelares como ás técnicas para observalos. Cada curso académico, o campus de Ourense celebra un obradoiro de extensión universitaria destinado a atender esta demanda formativa, obradoiro que este cuadrimestre conta coa participación de case unha quincena de alumnos e alumnas.

O Obradoiro de iniciación á observación astronómica arrancou o pasado 23 de marzo e continuará ata o 13 maio. Con 30 horas de formación desenvólvese cunha sesión semanal cada martes pola tarde-noite, de 20.00 a 01.00 horas, nas instalacións do edificio Politécnico do campus de Ourense. Este taller, dirixido polo físico e profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo José Ramón Salgueiro, vense celebrando anualmente desde aproximadamente o curso 2007/2008 e xa é un dos más consolidados na oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre se oferta no campus de Ourense aos membros da comunidade universitaria e ás persoas interesadas.

Da teoría á práctica

A actividade, explica o seu responsable, mestura teoría e práctica, sesións de conferencias en aula, impartidas polo propio José Ramón Salgueiro coa colaboración de Salvador Bará (Universidade de Santiago de Compostela) e José Antonio Álvarez (Asociación Astronómica de Ourense-Astrourense), con sesións de observación cando as condicións climáticas así o permiten. Nas conferencias as e os asistentes comezaron por achegarse aos tipos e aplicacións dos telescopios máis usuais na iniciación á observación astronómica, como os telescopio Meade de 16" e Celestron Starseeker 80, para centrarse logo no coñecemento dos obxectos astronómicos. Así, ao longo das sesións está previsto que adquiran nocións sobre o sistema solar e a vía láctea, sobre os corpos celestes observables (planetas, asteroides, cometas e estrelas) e sobre as constelacións estelares, incluíndo referencias á súa consideración nas diferentes culturas. As sesión teóricas abranguerán tamén a fotografía astronómica e o seu tratamento e o ceo profundo, aproximándose a temas como as galaxias, nebulosas, cúmulos estelares, planetas extrasolares e supernovas.

As sesións de observación permitirán ás e aos asistentes introducirse no uso de telescopios, na súa montaxe e posta en estación, e tamén nos programas tanto de tratamento de fotografía astronómica (concretamente Autostakkert) como planetarios (Stelarium e Cartes du Ciel). Ademais traballarán na localización de constelacións e corpos celestes e na medida da variación do brillo dunha estrela variable, para rematar celebrando unha excursión para a observación nunha contorna de baixa contaminación lumínica.

O obradoiro conta con 14 inscritos e inscritas dun perfil diverso no que se mesturan membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela. O número de prazas dispoñibles, que practicamente se cubriu, veuse limitado debido ás medidas de prevención da covid-19. Igualmente, o desenvolvemento das sesións do obradoiro están adaptadas á nova situación, seguindo os protocolos habituais de uso de máscaras, distancias e desinfección dos materiais, entre outros aspectos.