DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha mostra que visibiliza mulleres destacadas na historia neste eido

32 referentes femininos para as e os futuros educadores

Está realizada por estudantes da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 25/11/2020

Hipatia de Alexandría, Concepción Arenal, Maria Montessori e así ata 32 nomes de educadoras que destacaron ao longo da historia forman parte da mostra Educación en feminino: un paseo pola historia que desde este mércores se pode ver no primeiro andar da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. O achegamento a cada unha das homenaxeadas foi realizado o pasado curso académico por alumnado de primeiro do Grao en Mestre ou Mestra de Educación Primaria e do dobre Grao Infantil e Primaria da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo (USC) no marco da materia Teoría e Historia da Educación Escolar.

Segundo explican desde a súa organización, trátase da terceira edición desta iniciativa, na que “cada grupo de estudantes da materia elixiu unha educadora relevante, do pasado ou do presente, sobre a que preparou libremente (ao longo do primeiro semestre do curso) e realizou posteriormente unha presentación na clase consistente nunha exposición oral, nunha presentación dixital e nun traballo escrito, acompañada do respectivo póster”. A exposición que se pode ver agora no campus de Ourense, e que posteriormente chegará aos campus de Pontevedra e Vigo, reúne estes 32 pósters presentados polo alumnado. Cada un deles correspóndese a unha educadora ou colectivo de educadoras, teóricas e/ou prácticas, de distintas xeografías e referidas a diferentes épocas históricas, con especial atención a Galicia e á Idade Contemporánea.

O valor principal da mostra, comenta Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, “é o feito de estar realizada por estudantes”, de “visibilizar o papel das mulleres educadoras na historia” e que a iniciativa é froito da colaboración neste caso “das dúas facultades de Educación da Galicia interior” nun tema de “traballo diario na aula”. El foi o encargado, xunto a Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, e María Victoria Carrera, profesora da UVigo, de inaugurar este mércores a exposición nun acto feito para a súa retransmisión virtual.

Diversidade de mulleres

“A exposición pretende visibilizar e resaltar o labor que colectivamente as mulleres viñeron realizando ao longo da historia no desempeño profesional do quefacer pedagóxico, a través dunhas poucas figuras destacadas”, indican as responsables da mostra. Así, engaden, Hipatia de Alexandría, Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, María Wonenburger, Elisa e Marcela, as irmás Agazzi, Maria Montessori, Mary McLeod, María de Maeztu, Elvira Bao, educadoras da II República, Enriqueta Otero, Antía Cal, Josefina Aldecoa, orientadoras de Preescolar na Casa, Christa McAuliffe, mestras da montaña lucense, Julie Aigner-Clark, Mar Romera, Camino Pereiro, Bibiana Marful, Gey Lagar... “son algunhas das educadoras que esta montaxe pon en valor, segundo a peculiar maneira de observalas dos que serán, no prazo duns poucos anos, as mestras e mestres do futuro alumnado galego de Educación Primaria”. Trátase, sinalan as promotoras da iniciativa, de “pór en valor e honra o labor dunhas poucas desas mulleres referentes, destacadas, pioneiras, innovadoras que, na súa diversidade de orixes e na pluralidade de respostas pedagóxicas que ofreceron, dalgunha maneira transformaron a mellor as circunstancias do ensino da súa época e son, polo tanto, algo así como fachos de luz educativa que brillan e nos guían entre os claroscuros da historia e do recoñecemento pedagóxico”.

Ao longo da historia, indican as responsables da iniciativa, “foi frecuente que as mulleres viran minimizado, minorizado ou mesmo silenciado o seu traballo, as súas realizacións e os seus méritos”. As profesionais da educación, engaden, “non foron unha excepción a este acontecer, nin sequera o son na actualidade, e aínda a pesar de que a profesión docente é, desde hai décadas, un quefacer maioritariamente feminino”. Neste contexto, engaden, a mostra naceu coa intención de “unirse a outras iniciativas semellantes que contribúen a reverter a inxustiza histórica” e colocar “ás mulleres educadoras no posto de honra que merecidamente teñen conquistado tras de séculos de resistencia, esforzo, dedicación e excelencia en moitos casos”.