DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro 29 de maio celebrarán o seu acto de graduación

33 estudantes forman a primeira promoción da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo

Con elas e eles arrancou un grao interuniversitario que conta cunha das notas máis altas de acceso

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 15/04/2026

O vindeiro mes de maio comezan a celebrarse os actos de graduación deste curso académico e no campus de Ourense entre eles destaca o da primeira promoción do Grao de Relacións Internacionais. Esta titulación, e con ela a Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, arrancou no curso 2022/2023 e catro anos despois presenta unha promoción “preparada para voar polo mundo”, cunha formación multidisciplinar e versátil pensada para traballar nunha sociedade xa global. 

O grao é interuniversitario, de xeito que os dous primeiros cursos son comúns co campus de Ferrol (Universidade da Coruña), habendo un grupo de arredor de 25 estudantes en cada campus. En terceiro e cuarto, ofrécese unha especialización diferenciada en cada universidade. Laura Carballo, decana da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo, sinala que entre as características destacadas deste grao están “que é fortemente multidisciplinar, participando na docencia áreas de antropoloxía, ciencias empresariais, ciencia política, dereito, economía, filoloxía, filosofía, historia, informática, psicoloxía, socioloxía, e xeografía”. En segundo lugar, apunta que se trata dun grao trilingüe (galego, español e inglés) coa particularidade de que un 50% da docencia impártese efectivamente en inglés. A titulación, que oferta cada curso 25 prazas en Ourense, empezou en 2022 cunha nota de acceso de 10,02 e actualmente está en 11,45, sendo un dos graos máis demandados da Universidade de Vigo e do conxunto do Sistema Universitario de Galicia. 

Persoas curiosas e dinámicas, participativas e con pensamento crítico

O día 29 de maio celebrará a súa graduación esta primeira promoción de Relacións Internacionais da UVigo, formada polo estudantado que inicialmente empezou o grao en Ourense e por dez máis que empezaron no campus de Ferrol pero que en terceiro curso se trasladaron a Ourense para cursar a súa mención en Xestión de Proxectos e Negocios Internacionais, en tanto que unha das estudantes de Ourense se trasladou a Ferrol para cursar a súa mención en Cooperación ao Desenvolvemento. Desta primeira promoción Laura Carballo subliña que está formada maioritariamente por mulleres e que, acorde coa elevada nota de acceso, é un alumnado excelente, estudantes “moi curiosos e dinámicos, participativos, con pensamento crítico e ideas propias”. Así, pon de relevo o interese que amosaron ao longo destes catro anos na carreira “pero tamén o interese por facerse cun curriculum alternativo, o que fixo que unha inmensa maioría participara en programas de mobilidade”. 

A decana subliña ademais que este estudantado non dubidou “en aproveitar oportunidades para as que non tiñan referentes previos”, como realizar prácticas na embaixada española dun país europeo como parte dun programa do Ministerio de Asuntos Exteriores da UE no que acababa de entrar a Universidade de Vigo. Igualmente, engade Laura Carballo, estes estudantes “non deixan pasar oportunidades de participar en congresos ou seminarios, tamén como relatores” e son moi pro-activos, “o que nos obrigou a convocar xornadas de saídas profesionais dende o seu segundo ano de carreira xa que non querían pecharse opcións”.

A responsable académica destaca tamén o esforzo feito por este alumnado que viviu o nacemento da facultade. “Os seus dous primeiros anos non foron nada sinxelos. Trátase dun grao interuniversitario e son un grupo único co campus de Ferrol, o que implica docencia híbrida durante os dous primeiros anos. Aquí testouse a súa paciencia, xa que a tecnoloxía non é máxica, pero eles mesmos aprenderon a salvar os obstáculos coa inestimable axuda do persoal de conserxería no noso caso. Moita paciencia tamén tiveron cos espazos xa que non temos espazos propios e iso implicou moitos cambios de aulas", comenta Laura Carballo. 

Profesionais flexibles

Formando parte desta primeira promoción de Relacións Internacionais da UVigo está Ainhoa García Marcos, membro da delegación de estudantado da facultade. “Ser a primeira promoción galega do Grao de Relacións Internacionais é unha grande experiencia. É certo que xestionar un grao e unha facultade nova non é doado, e nós somos uns pequenos grans de area que farán que as seguintes promocións melloren. Porén, é incrible como un grao pode xuntar tantas ramas distintas (dereito público e privado, economía, política, xestión de proxectos, márketing, investigación de mercados...) e en tres idiomas distintos, sendo a maioría en inglés”, apunta. Facendo balance destes catro anos de estudo, explica que “sinto que, tras este percorrido, non só medrei academicamente e creceron os meus coñecementos, senón tamén como persoa, descubrindo como funciona realmente o mundo que nos rodea”.

Este alumnado afronta na súa recta final a realización das prácticas, dos últimos exames e da presentación dos traballos fin de grao e a súa inminente saída ao mercado laboral. A titulación, explica Laura Carballo, non está ligada a unha profesión regulada ou tradicional, mais as reticencias ao respecto caen ante o aumento dos coñecidos como “profesionais flexibles”, isto é, ante o feito de que os avances sociais e tecnolóxicos esixen unha maior capacidade de adaptación ao mercado laboral dados os rápidos cambios nos tipos e postos de traballo. “A versatilidade do Grao en Relacións Internacionais en termos de coñecementos así como as habilidades que adquiren estes graduados capacítaos para adiantarse a tales cambios antes ca outros”, comenta. A actual internacionalización de sociedades e economías, sinala, “fai dubidar que haxa aínda algún aspecto que poida considerarse puramente doméstico” e fai que a presencia de graduadas e graduados en Relacións Internacionais sexa requirida nos variados ámbitos, desde pemes e organizacións non gobernamentais ata grandes organismos internacionais.